A Deputación modificará o orzamento para incluír 31 millóns de euros de remanentes de 2017

Pontevedra
15 de febreiro 2018

Carmela Silva e César Mosquera anuncian que no próximo pleno de marzo aprobarase un novo plan para os concellos dotado de once millóns de euros. Un total de 7,5 investiranse xa este ano con cargo aos citados 30,8 millóns de remanentes para proxectos de mellora da seguridade viaria e da accesibilidade 

Carmela Silva e César Mosquera
Carmela Silva e César Mosquera / Mónica Patxot

O goberno bipartito levará ao próximo pleno da Deputación de Pontevedra unha proposta para aprobar un expediente de modificación do orzamento que permitirá incorporar ao orzamento provincial para o ano 2018 un total de 30,8 millóns de euros que quedaron de remanentes das contas do ano 2017. 

A presidenta e o vicepresidente da Deputación, Carmela Silva e César Mosquera, compareceron este xoves ante os medios de comunicación para anunciar esta propostas e destacar que é fiel reflexo da boa "saúde financieira" da institución provincial e da boa xestión do goberno bipartito, pois, segundo insiste Mosquera, é a primeira institución que a estas alturas do ano xa ten feita a liquidación das contas do ano 2017, xa sabe cantos remanentes ten e xa ten decidido onde vai investilos. 

A inversión vai ir destinada, nun 98%, aos concellos da provincia, cumprindo cun dos obxectivos que se marcaron o PSOE e o BNG cando asinaron o acordo de goberno no ano 2015, o apoio ás administracións locais. De feito, no seguinte pleno, do mes de marzo, xa teñen decidido que se aprobará un novo plan para os concellos dotado de once millóns de euros.   

Nese pleno de marzo aprobarase un plan a dous anos, 2018-2019, por once millóns. Deses once millóns, 7,5 investiranse este ano con cargo aos citados 30,8 millóns de remanentes. Serán 7,5 millóns destinados a un dos eixos de traballo deste goberno provincial, a mellora da seguridade viaria e da accesibilidade, así como á eficiencia enerxética. Financiarán actuacións nos concellos con menos de 50.000 habitantes que vaian nesa liña de traballo. 

Os proxectos que se financiarán con cargo a estes 7,5 millóns permitirán actuar en viais municipais aplicando as premisas de seguridade vial, mobilidade e accesibilidade que a Deputación xa está poñendo en marcha desde o inicio do mandato nos viais de titularidade provincial.

Estes 7,5 millóns súmanse aos 42 millóns de euros do Plan Concellos  e os 18 millóns de euros do plan de reequilibrio, de modo que Mosquera e Silva destacan que "podemos afirmar que os concellos desta provincia nunca recibiron tantos recursos económicos desta administración".

Os 23,3 millóns de euros restantes destinaranse a proxectos de calado como máis de 1,4 millóns de euros para melloras nas instalacións do centro Príncipe Felipe, medio millón para promoción turística, 4,8 millóns a infraestruturas da rede provincial e dos concellos; 415.000 euros a novas tecnoloxías ou 545.000 euros a deportes. 

O resto dos cartos repartiranse no novo orzamento a razón de 4 millóns para o plan de reequilibrio e mellora de equipamentos e infraestruturas; e 1,1 millóns para o tratamento de residuos. Ademais, faranse actuacións de mellora e ampliación no Centro de Acollida de Animais (CAAN) de Armenteira por valor de máis de 160.000 euros.