A Deputación medirá a temperatura aos cidadáns que acudan a algúns dos seus edificios

Pontevedra
17 de abril 2020

A Deputación de Pontevedra estuda a instalación de cámaras termográficas para controlar a distancia a temperatura corporal das persoas que acoden a algunhas das súas oficinas. Esta medida de adoptará para previr contagios da enfermidade do coronavirus    

Cámara termográfica
Cámara termográfica

A Deputación de Pontevedra estuda a instalación de cámaras termográficas para controlar a distancia a temperatura corporal das persoas que acoden a algunhas das súas oficinas. Esta medida de adoptará para previr contagios da enfermidade do coronavirus.

A Deputación xa se puxo en contacto con firmas provedoras para que doten destes aparellos a aqueles edificios "que superen a coincidencia de 50 persoas". 

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, explicou que os servizos de Arquitectura e de Riscos Laborais da administración provincial xa están a analizar cada un dos edificios da administración provincial para redactar un protocolo, un plan de continxencia que determine aqueles lugares nos que é necesaria estes termómetros a distancia para identificar as persoas que teñan febre.

Así sinalou que se incorporarán arcos de temperatura en "algúns espazos que teñen moita aglomeración de persoas" como son as oficinas do ORAL en Pontevedra, o organismo que xestiona os tributos recibe a gran cantidade de público "e cremos que ten que contar con este tipo de instrumentos". 

Pola contra, estes aparellos non serían necesarios naquelas oficinas de atención ao público ou espazos nos que apenas reciben visitas "sería imposible a nivel económico e non é necesario", explicou.

MAMPARAS DE PROTECCIÓN

Igualmente o goberno provincial deu orde de instalar mamparas de protección. Nestes momentos a medida aínda está en fase de contratación pero trabállase coa idea de que tanto os funcionarios como o público estean protexidos con estas "barreiras de seguridade" cando se levante o confinamento.

Ademais, Carmela Silva informou que a Deputación adquiriu 55.000 unidades de máscaras cirúrxicas, das que actualmente dispón de 25.000, e nestes días chegará o resto.

A Deputación de Pontevedra ten o compromiso dalgunhas empresas provedoras e do Grupo Inditex para que lles fagan chegar máscaras, do mesmo xeito que lles trasladaron desde outras institucións "a nosa idea é poder ter preto de 150.000 máscaras para poder cubrir as necesidades de todos os nosos traballadores e traballadoras", garantiu Carmela Silva.