As infraestruturas viarias centraron boa parte do Pleno extraordinario da Deputación de Pontevedra celebrado este martes 2 de abril no que se aprobou o expediente para a contratación da conservación integral da rede viaria provincial e tamén se acordou esixir ao Goberno central que mellore o firme das estradas nacionais que hai na provincia.
Na parte resolutiva os concellos de Sanxenxo, O Porriño, Valga e Silleda delegaron competencias municipais na administración provincial para a xestión, recadación voluntaria e executiva e inspección de diversos tributos.
O asunto máis destacado foi a aprobación, cos votos do PP e do BNG, do expediente para a contratación, mediante procedemento aberto, do servizo de conservación integral da rede viaria da Deputación.
O contrato sae a licitación por catro anos con posibilidade dunha única prórroga. O total do contrato ascende a 38 millóns de euros en tres lotes: a zona norte sae a licitación por 13,9 millóns de euros, o que supón un pago anual de 3,4 millóns de euros. A zona centro sae a licitación por 13 millóns de euros e a zona sur por 12 millóns (2,9 millóns ao ano).
Ademais, na sesión plenaria aprobouse incialmente do expediente de modificación do cadro de persoal funcionario e da relación de postos de traballo do ano 2024. O grupo do BNG propuxo fixar as dedicacións exclusivas de deputados e de persoal eventual das corporacións da Deputación a través do Regulamento Orgánico Provincial (ROP) que rexe o funcionamento da institución para evitar "guerras" e "espectáculos" entre partidos políticos.
O pleno tamén debateu dúas mocións, a primeira foi presentada polo grupo provincial Socialista (PSdeG-PSOE) para reclamar "que a Deputación impulse o cumprimento da súa propia axenda urbana e rural, mellorando o transporte regular por estrada". A iniciativa foi rexeitada polo Partido Popular polo que o PSOE, insistiu na necesidade de recuperar os convenios con todos os concellos, "e non so cos que goberna o PP", e a desenvolver "dunha vez o Plan Estratéxico de Vías Provinciais 2030 que era a auténtica folla de ruta para modernizar a rede provincial de estradas".
A segunda moción foi defendida polo grupo provincial do PP e apoiada polo BNG polo que saiu adiante. Nela pídese á Deputación que esixa ao Ministerio de Transportes e Movilidad Sostible que acometa de maneira urxente a mellora integral do firme e a adopción de medidas de seguridade viaria nos 317,5 quilómetros das 11 estradas nacionais que hai na provincia.
Os populares aseguran que estas estradas "presentan numerosas deficiencias e danos, sobre todo no que se refire ao estado do firme con fochancas e fendas, como consecuencia dos escasos ou nulos labores de mantemento e conservación realizadas no últimos cinco anos".
Estas vías de titularidade estatal son fundamentais para a vertebración e a mobilidade do territorio provincial, debido a que son empregadas diariamente por entre 110.365 e 123.496 usuarios, segundo os datos oficiais de Intensidade Media Diaria (IMD) do propio Ministerio de Transportes.