A Deputación invoca a axuda da Virxe Peregrina, como patroa da provincia, para construír "unha sociedade máis xusta e de dereitos"

Pontevedra
11 de agosto 2019

O deputado provincial por Vigo Santos Héctor foi o encargado de facer a Ofrenda á Virxe nun acto solemne na basílica da Peregrina no que se comprometeu a seguir desenvolvendo políticas que favorezan as persoas máis desfavorecidas 

Ofrenda á Virxe Peregrina como patroa da provincia
Ofrenda á Virxe Peregrina como patroa da provincia / Diego Torrado

A Virxe Peregrina vive este domingo o seu día grande e, como manda a tradición, a xornada comezou cun acto tan solemne como tradicional: a ofrenda que a Deputación de Pontevedra fai cada ano á patroa da provincia. Nesta ocasión, a ofrenda correu a cargo do deputado provincial socialista por Vigo Santos Héctor, que se estreou nesta faceta pedindo á Santa axuda para "construír unha sociedade máis xusta e de dereitos, un mundo no que todas as persoas poidan desenvolver con liberdade a súa vida social e laboral".

A ofrenda realizouse no santuario da Peregrina ante unha nutrida representación de autoridades civís, militares e relixiosas entre as que non faltou o arcebispo de Santiago, Julián Barrio, e o presidente da Confraría da Virxe Peregrina, Ignacio Landín. O oficio relixioso oficiouno o párroco de San Bartolomé, Raúl Lage. 

A comisaria provincial da Policía Nacional, Estíbaliz Palma; o coronel da Garda Civil, Simón Venzal; o comandante da Escola Naval, Ignacio Cuartero; o subdelegado de Defensa, Ángel de Miguel; a deputada e ex presidenta do Congreso Ana Pastor; o delegado institucional do CSIC en Galicia, Antonio de Ron; e os concelleiros do PP Rafa Dóminguez, Pepa Pardo, Silvia Junco ou Pablo Fernández, entre outras autoridades, acudiron ao acto relixioso. 

Coa solemnidade que caracteriza este acto, Santos Héctor agradeceu á Virxe Peregrina, en nome de toda a veciñanza da provincia, a súa protección no camiño que está a percorrer o actual Goberno provincial bipartito, no que se marca como meta "dar resposta ás necesidades da cidadanía con xenerosidade, transparencia e honradez".

A través desta ofrenda, o Goberno provincial quixo comprometerse a seguir desenvolvendo políticas que favorezan as persoas máis desfavorecidas, a priorizar a redución da pobreza e a eliminar as fendas de desigualdade económica e social.  

Lograr que todas as persoas e as familias en situación de vulnerabilidade e exclusión social teñan garantidos os dereitos, promover o pleno emprego e o traballo digno, conseguir a igualdade entre mulleres e homes, garantir o dereito a unha enerxía limpa para todas as persoas e acadar, en definitiva, o benestar e a xustiza social. Estes son os retos que se marcan, e para os que lle piden axuda á patroa provincial.

Baixo o convencemento de que o século XXI "pode (e debe) ser o século da xustiza social", Santos Héctor reivindicou que a educación xoga un papel fundamental e que ten que ser igualitaria para que "as nenas e os nenos teñan as mesmas oportunidades".