A Deputación inviste máis de dous millóns de euros en 200 bolsas de emprego nos concellos

Pontevedra
15 de xaneiro 2016

A institución provincial destina máis de dous millóns de euros para que 200 bolseiros da provincia, con titulación universitaria e ciclos superiores de formación profesional sen experiencia, poidan realizar a súa primeira práctica en concellos de menos de 50.000 habitantes e nos servizos da institución provincial durante un ano

Carmela Silva en rolda de prensa
Carmela Silva en rolda de prensa / Deputación de Pontevedra

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, deu a coñecer a aprobación en Xunta de Goberno do Plan de Práctica Laboral a través do cal a institución provincial destina máis de dous millóns de euros para que 200 bolseiros da provincia, con titulación universitaria e ciclos superiores de formación profesional sen experiencia, poidan realizar a súa primeira práctica en concellos de menos de 50.000 habitantes e nos servizos da institución provincial durante un ano. 

En concreto, 166 persoas terán a súa primeira experiencia laboral en concellos e 34 nos servizos da Deputación de Pontevedra.

Carmela Silva destacou que "o emprego e a formación son unha aposta fundamental do novo goberno da Deputación" e subliñou que "desde as administracións debemos facer todo o posible para dotar de recursos económicos actuacións que fomenten o emprego e o crecemento económico".

Ó respecto, Silva engadiu que "durante o 2016 investiremos 15,3 millóns de euros, un 20,5% máis do que destinaba a anterior corporación, ao fomento do emprego e a formación".

Ademais, a presidenta da Deputación destacou "que a estas 200 bolsas hai que sumar os 1.550 empregos enmarcados no Plan Concellos así como as bolsas para empresas da provincia que aprobaremos nos vindeiros días. En total, estamos a falar de que máis de 2.000 persoas atoparán emprego durante o 2016, con condicións e salarios dignos, grazas á Deputación de Pontevedra".