A Deputación investirá este ano 22 millóns de euros en 27 estradas provinciais

Pontevedra
14 de xuño 2017

O responsable de Mobilidade, Uxío Benítez explicou que estas actuacións atenden ao novo decálogo das estradas provinciais no que os peóns son a prioridade dentro dun marco de "accesibilidade universal" e os proxectos son o resultado dun proceso participativo "de abaixo a arriba" no que se mantiveron entrevistas con 52 alcaldes que solicitaron máis de 200 obras singulares

Presentación do Plan de actuacións 2017-2018
Presentación do Plan de actuacións 2017-2018 / PontevedraViva

A Deputación de Pontevedra investirá 22 millóns de euros en 27 estradas provinciais de 20 municipios no marco do denominado plan de actuacións 2017-2018 que este martes presentaron en rolda de prensa a presidenta da institución, Carmela Silva, o vicepresidente César Mosquera, e os deputados de Mobilidade, Uxío Benítez e de Cooperación, David Regades.

Son actuacións que están contempladas na chamada Estratexia de Mobilidade 3.0. que se corresponden cos criterios de "conectividade, seguridade, viabilidade e poboación".

O vicepresidente César Mosquera explicou que o goberno provincial chega a este plan despois de resolver "a desfeita anterior" que atoparon no antigo servizo de vías e obras. "Unha herdanza envelenada" na que todos os proxectos presentaban "irregularidades", indicou.

Tras agradecer o "enorme esforzo e dedicación" dos traballadores da Deputación, o vicepresidente apuntou que "xa pasamos ese muro, esa costa arriba de ir corrixindo defectos e problemas e agora comezamos a costa abaixo", afirmou respecto dos numerosos proxectos que a partir de agora "e co novo modelo de funcionamento" van saír adiante "en cascada" con obras "ben enfocadas e dentro dunhas normas equitativas e respectuosas".

Na xunta de goberno do próximo venres serán aprobadas o primeiras cinco actuacións.

O responsable de Mobilidade, Uxío Benítez explicou que estas actuacións atenden ao novo decálogo das estradas provinciais no que os peóns son a prioridade dentro dun marco de "accesibilidade universal" e os proxectos son o resultado dun proceso participativo "de abaixo a arriba" no que se mantiveron entrevistas con 52 alcaldes que solicitaron máis de 200 obras singulares.

A presidenta Carmela Silva explicou que estas obras financiaranse con 15 millóns de euros da área de Mobilidade e 7 millóns máis da área de Cooperación e "benefician a todas as comarcas da provincia, sen ter en conta colores políticos nin quen goberna".

Ademais destacou que "por primeira vez" na historia da Deputación pontevedresa "hai unha estratexia global de actuación" e mostrouse "satisfeita e orgullosa" polo traballo desenvolvido en todo este plan.