A Deputación intervirá na recuperación de 18 xacementos arqueolóxicos

Pontevedra
31 de decembro 2016

O convenio asinado pola Deputación de Pontevedra e o Ministerio de Fomento ten por obxectivo a recuperación dos xacementos galaico-romanos da provincia, concibidos como un importante instrumento de dinamización socioeconómica, cultural e turística das comarcas

Recortable "En busca da pegada castrexa"
Recortable "En busca da pegada castrexa"

A Deputación de Pontevedra intervirá durante o vindeiro ano na recuperación de 18 xacementos arqueolóxicos da provincia, en virtude do convenio que asinou co Ministerio de Fomento para a posta en valor do patrimonio galaico-romano.

Como parte do proxecto, o Ministerio vén de convocar un concurso público con xurado para a selección das mellores propostas de restauración e musealización.

As bases da licitación atópanse publicadas na web do Ministerio de Fomento, que estableceu de prazo ata o 16 de febreiro para a recepción de propostas. A intención do Ministerio é contratar a redacción de cada un dos 18 proxectos ao gañador do concurso, a medida que finalicen os traballos previos de arqueoloxía e de escavación acometidos pola Deputación.

O convenio asinado pola Deputación de Pontevedra e o Ministerio de Fomento ten por obxectivo a recuperación dos xacementos galaico-romanos da provincia, concibidos como un importante instrumento de dinamización socioeconómica, cultural e turística das comarcas. O programa integral inclúe dende labores de limpeza, mantemento e escavación, ata actividades de promoción, a creación de ambientes museográficos e o rexistro dixital dos xacementos en 3D.

Os xacementos obxecto de intervención son os seguintes: Santa Tegra (A Guarda), Castro de Troña (Ponteareas), Monte de O Facho (Cangas), A Lanzada (Sanxenxo) Adro Vello (O Grove), Monte do Castro (Ribadumia), Porta de Arcos  (Rodeiro), Castrolandín (Cuntis), A Cabeciña (Oia), A Subidá (Marín), Castro Alobre (Vilagarcía de Arousa), Alto dos Cubos (Tui), Alto da Cruz do Castro (Cotobade), Coto de Altamira (As Neves), Igrexa Vella (Valga), Castro de Penalba (Campo Lameiro), Castro de Pena Redonda (Pontecaldelas) e Castro de Toiriz (Silleda).

Para executar o programa, a Deputación de Pontevedra contratou 18 peóns de excavación arqueolóxica, 7 arqueólogos de campo e laboratorio e un coordinador, que xa están a traballar no castro de Santa Tegra, baixo a supervisión do servizo de Turismo Rias Baixas. Ademais, a partir do 1 de febreiro, iniciaranse as labores de recuperación do  castro Alobre, en Vilagarcía.

RECORTABLE INFANTIL

Unha das liñas de actuación do programa é a divulgación do patrimonio histórico e cultural arqueolóxico. No marco deste obxectivo, a Deputación de Pontevedra vén de lanzar unha lámina recortable dirixida ao público infantil, baixo o título “En busca da pegada castrexa”.

A lámina mostra un mapa coa localización dos 18 xacementos nos que se vai intervir así como diferentes elementos representativos de cada un deles, e os nenos e nenas teñen que relacionalos entre si.