O Plan Revitaliza da Deputación segue avanzando e nesta semana o Concello de Marín dispoñerá dos dous primeiros centros de compostaxe comunitarios situados en Sequelo e na Cañota. Con todo, a súa posta en marcha terá que esperar a que as circunstancias motivadas pola pandemia do coronavirus permitan ofrecen as charlas informativas ás persoas interesadas en participar nesta iniciativa.
Estes centros de compostaxe de lixo orgánico darán servizo ás persoas que vivan a menos de 150 metros do mesmo ou que participen da horta urbana de Sequelo. Aínda que a súa utilidade non é posible aínda, si se poden inscribir na Concellería de Medio Ambiente do Marín ou no Plan Revitaliza da Deputación, de forma que se lles irá informando sobre a posta en marcha.
O obxectivo destes centros de compostaxe comunitaria é tratar os biorresiduos no mesmo lugar en que se producen. Isto evita que leven ao contedor verde tradicional e tras a súa recollida sexan trasladados a Sogama para incineralos. Os composteiros son atendidos por persoal técnico do Plan Revitaliza para garantir o seu correcto funcionamento e a obtención de compost de boa calidade.
Así este persoal supervisa que quen participa achegan os biorresiduos correctamente, así como que os procedementos e parámetros que hai que ter en conta, realízanse e atópanse debidamente durante todo o proceso. A entidade provincial lembra que durante as semanas de confinamento os centros de compostaxe existentes estiveron activos e chegáronse a duplicar as achegas de biorresiduos.