A Deputación insta a Cubela a que entregue os terreos para iniciar as obras nas estradas de Almofrei e Quireza

Cerdedo-Cotobade
26 de abril 2022

A Deputación remite unha carta ao alcalde de Cerdedo-Cotobade para que non demore a entrega da documentación pola que a institución segue á espera

O deputado Gregorio Agís presenta o proxecto de reforma da estrada de Almofrei ao alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela
O deputado Gregorio Agís presenta o proxecto de reforma da estrada de Almofrei ao alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela /

A Deputación de Pontevedra remitirá unha carta ao alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, para que traslade “canto antes” as firmas das cesións dos terreos necesarios para poder poñer en marcha os proxectos que o Departamento Provincial de Infraestruturas ten xa redactados tanto para a estrada de Almofrei como a de Quireza.

O deputado de Infraestruturas e Vías Provinciais, Gregorio Agís lembrou que "a estrada EP-0405, entre Xesteira e Almofrei, é a actuación que o alcalde sempre priorizou e temos un gran proxecto de case un millón de euros, que está redactado dende xuño do ano pasado e listo dende entón para licitar, unha vez que o Concello cumpra coa súa parte".

Do mesmo xeito, a Deputación insta a Cubela a non perder máis tempo e poñer a disposición da institución provincial os terreos necesarios para o proxecto de ampliación no tramo Fondós-Bugarín na estrada de Quireza, "un proxecto que tamén está redactado e, ao igual que o de Almofrei, seguimos á espera de que o Concello comunique a dispoñibilidade das parcelas". 

O deputado insistiu en que "só agardamos a que o alcalde cumpra coa súa obriga para que se podan asinar os convenios e que ambas as dúas obras estean en licitación".

Na misiva remitida ao alcalde sinalan que "no caso de que non fose capaz de conseguir todas as cesións necesarias, e tal e como xa se lle explicou, recordámoslle que esta Deputación estaría disposta a colaborar no proceso de expropiación necesario; polo que, nese caso, pode remitir vostede unha solicitude de inicio de expediente".