A Deputación inicia o proceso para trasladar o Parque de Maquinaria ao polígono de Barro e recuperar a Xunqueira de Alba

Pontevedra
15 de xaneiro 2020

En canto ao edificio da Imprenta Provincial, tamén situado nestes terreos, correrá a mesma sorte que o Parque de Maquinaria se ben o futuro deste servizo aínda non está decidido. "O que si está claro é que tanto a Imprenta como o Parque de maquinaria van desaparecer da Xunqueira de Alba", dixo Carmela Silva

Carlos López Font, Carmela Silva e César Mosquera
Carlos López Font, Carmela Silva e César Mosquera / Cristina Saiz

A Deputación de Pontevedra inicia o procedemento para trasladar o Parque de Maquinaria ao polígono empresarial do  Concello de Barro e recuperar o humidal da Xunqueira de Alba coa demolición das actuais instalacións, un proxecto global estimado en 3,2 millóns de euros.

Esta "gran noticia" foi anunciada este mércores en rolda de prensa a presidenta da Deputación, Carmela Silva, o vicepresidente César Mosquera e o deputado Carlos López Font.

A presidenta destacou o "compromiso serio, real e verdadeiro" do goberno provincial coa recuperación ambiental desta contorna natural situada entre os ríos Lérez e  Rons e declarado o primeiro Espazo Natural de Interese Local (ENIL) de toda Galicia no ano 2012. É o maior espazo verde de Pontevedra, con 670.000 metros cadrados.

Carmela Silva explicou que esta decisión do Executivo provincial (PSOE + BNG) tamén era "imprescindible para cumprir coa lei" porque a concesión de Costas terminou en xullo de 2018 polo que se pediu unha prórroga para facer fronte a todo este proceso.

"Pero o máis importante é que isto é unha decisión consecuente coas políticas deste Goberno provincial", dixo a presidenta remarcando "o compromiso irrenunciable co medioambiente e a transición ecolóxica".

Respecto a a proposta, Carmela Silva indicou que "este proxecto ambicioso e complexo" abordarase en tres etapas ao longo dos próximos anos, sendo a primeira a que se ocupe da redacción dos estudos previos; os proxectos de obra, demolición, rexeneración; autorizacións e licencias pertinentes. Para o que se destinarán uns 120.000 euros.

Para a segunda fase estímase un custo de 2,1 millóns de euros e o prazo estimado é de ata 24 meses e estará centrada no Polígono de Barro coa licitación e construción da nave e todo o traslado do material do Parque de Maquinaria.

Por último, a terceira fase, "a máis querida", cun orzamento aproximado de 884.000 euros, supón a recuperación dos terreos da Xunqueira de Alba coa licitación e execución das obras coa demolición dos edificios, o movemento de terras, a reposición dos servizos, a xestión dos residuos e a formación do humidal coa ribeira e o bosque de galería, repoñendo o camiño e formando un bosque de transición e espazos libres.

Carmela Silva espera levar a cabo este proxecto traballando conxuntamente con Costas e camiñando da man do  Concello de Pontevedra xa que este é "un proxecto de cidade".

O vicepresidente da Deputación, Cesar Mosquera, celebrou que con esta iniciativa "empezamos a reverter unha situación que foi tremenda en Pontevedra", como é, segundo dixo, a perda de todos os humidais e marismas que existían na contorna da cidade. "Estragar é moito máis fácil de recuperar" advertiu o vicepresidente en referencia á dificultosa tramitación administrativa que ten este proxecto.

IMPRENTA

En canto ao edificio da Imprenta Provincial, tamén situado nestes terreos, correrá a mesma sorte que o Parque de Maquinaria aínda que o futuro deste servizo aínda non está decidido.

"O que si está claro é que tanto a Imprenta como o Parque de maquinaria van desaparecer da Xunqueira de Alba", dixo Carmela Silva. "Todas as nosas construcións nesa xunqueira non van estar, é dicir, imos demoler".