A Deputación incorpora novidades ao programa 'Lecer en familia' para "reforzar os lazos familiares nun ambiente de convivencia"

Pontevedra
20 de agosto 2024

A entidade provincial aprobou unha partida de 1,4 millóns de euros para este novo programa e para a mellora da mobilidade peonil entre Ou Campo e Pardavila no municipio de Marín

Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra
Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra / Cristina Saiz

A xunta de goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha partida de 1,4 millóns euros destinados, dunha parte á mellora da mobilidade peonil no municipio de Marín e doutra para incorporar  novidades ao programa 'Lecer en familia' que pretende "reforzar os lazos familiares nun ambiente de convivencia" sinalaba o presidente, Luis López.

Está dirixido a unidades familiares residentes na provincia con polo menos un menor ao seu cargo. Poderanse beneficiar dunha noite de aloxamento en réxime de media pensión en balnearios, talasos, spas ou hoteis urbáns e rurais. Ofértanse 2.950 prazas, destas 2.900 teñen como beneficiarios a maiores de doce anos que se subvencionan con 60 euros do custo total do aloxamento; 30 euros para menores entre tres e doce anos; e os menores de tres anos pódense beneficiar dunha subvención do cento por cento do aloxamento. Ademais ofértanse cincuenta prazas en réxime especial que dispoñerán de 100 euros de subvención.

Dita axuda pódese aplicar durante unha noite de fin de semana, en períodos non lectivos ou vésperas de festivo. "Aquí cabe a posibilidade de que os establecementos oferten actividades socioculturais complementarias e introducimos un concurso de fotografía de familias co fin de facer máis interactiva a experiencia". A entidade provincial destina 180 mil euros para o programa.

Mellora da mobilidade peonil en Marín

Ademais, amparado polo programa +Provincia, destinaranse 1,2 millóns de euros para a mellora da mobilidade peonil das estradas EP-1203 e PO-313 entre O Campo-Pardavila, en Marín, para construír unha senda peonil.

O proxecto está financiado ao completo pola Deputación de forma que o Concello marinense unicamente custeará 45.000 euros para expropiacións das obras correspondentes.