A Deputación impulsa un proxecto para que "haxa menos incendios e, se os hai, fagan menos dano"

Pontevedra
15 de decembro 2016

Poñerá en marcha unha nova liña de axudas enfocada á mellora dos montes en todos os aspectos e, en particular, a actuacións para axudar na prevención e loita contra os incendios forestais ou a posta en valor a nivel paisaxístico. Destinaranse 1,2 millóns de euros entre 2016 e 2017

César Mosquera, nas primeira rolda de prensa en directo para nova web da Deputación
César Mosquera, nas primeira rolda de prensa en directo para nova web da Deputación / PontevedraViva

A Deputación de Pontevedra poñerá en marcha unha nova liña de axudas enfocada á mellora dos montes en todos os aspectos e, en particular, a actuacións para axudar na prevención e loita contra os incendios forestais ou a posta en valor dos terreos a nivel paisaxístico. O vicepresidente da institución, César Mosquera, avanzou este xoves detalles do proxecto, que ten como obxectivo solucionar unha situación xeneralizada en toda Galicia, que "o monte é o gran esquecido" nas políticas públicas. 

Mosquera xa avanzara no mes de setembro que se ía a poñer en marcha unha liña de axudas para mellorar o monte, pero ata agora non deran a coñecer os detalles porque os servizos xurídicos da Deputación advertiran de que era necesario ter unha autorización da Xunta de Galicia. Agora que ese permiso solicitouse e chegou poden seguir adiante co proxecto, ao que se destinarán 1,2 millóns de euros entre os anos 2016 e 2017

Neste proxecto cobran gran protagonismo as comunidades de montes, pois a Deputación quere que sexan eles quen leve a batuta das actuacións. Agora ben, queren potenciar os acordos entre varios colectivos e que os concellos sexan os que xestionen, pois a intención é promover intervencións en grandes masas forestais e terreos amplos, dun mínimo de 50 hectáreas de superficie

Esta liña de axudas ten algúns antecedentes en zonas da provincia como A Cañiza, A Estrada, O Morrazo ou o plan do Concello de Pontevedra Monte Vivo, posto en marcha tras os incendios forestais de 2006. Partindo deses proxectos previos, aspiran a dar un paso máis, tanto actuando en extensións de terreo máis amplas como polo tipo de actuacións previstas.

Mosquera cualifica o proxecto de "ambicioso e novidoso" porque inclúe a proposta de financiar tarefas de prevención de incendios ou para frealos, pero tamén a posta en valor paisaxística e ambiental e actuacións para promover explotacións complementarias do monte, tales como o uso micolóxico ou gandeiro. Un dous seu obxettivos é, "que haxa menos incendios e, se os hai, fagan menos dano".

Segundo os prazos que manexan, entre finais de xaneiro e principios de febreiro confían en ter as bases do proxecto xa aprobadas, pero antes enviaranas aos concellos para que fagan as súas achegas. De momento, xa se definiu que habería dúas liñas de axudas, unha para a redacción dos proxectos de mellora do monte e outra para a súa execución.