A Deputación gastará 1,7 millóns de euros no pintado das vías provinciais

Pontevedra
09 de novembro 2016

O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, explicou que o obxectivo é garantir a seguranza viaria e “solventar un déficit histórico” polo mal estado de conservación da rede viaria

Uxío Benítez, diputado de mobilidade
Uxío Benítez, diputado de mobilidade / Deputación de Pontevedra

O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, anunciou este mércores un investimento de 1,7 millóns de euros para a mellora de 2.577 quilómetros de sinalización horizontal nas vías provinciais. En total actuarase en 226 estradas, o que supón case as tres cuartas partes do total da rede de vías de titularidade provincial. 

A mellora, segundo dixo o nacionalista, enmárcase na nova filosofía do departamento de Mobilidade da Deputación que aposta pola mobilidade sustentable na que a seguranza viaria é un eixo clave. 

O plan porase en marcha agora logo de meses de traballo "serio e rigoroso" por parte dos técnicos provinciais de conservación que detectaron un "déficit histórico" que había que solventar.

"Serán cuestións técnicas e non políticas ou partidistas como ata agora as que marquen os lugares nos que actuar. Non se farán melloras pola petición do alcalde de turno", afirmou.

O obxectivo do plan de sinalización horizontal é que en toda a provincia se pinten as vías (liñas lonxitudinais, aparcamentos, illotes, cebrados, pasos de peóns) que nunca tiveron marcas viarias e se renove o pintado naquelas nas que polo paso do tempo e o uso xa estean desgastadas. A actuación prevese comezar tan pronto como as condicións meteorolóxicas o permitan e, en calquera caso, na primavera do próximo ano, para que as estradas estean en "estado de revista" ao chegar o verán. 

Esta semana aprobarase a licitación do plan, que se divide en catro lotes territoriais. 

O primeiro lote que se saca a licitación é o das comarcas de Pontevedra, Caldas e O Salnés, que suman 771,8 quilómetros de pintado e supoñen un gasto inicial de (orzamento de licitación) 516.018,49 euros. Actuarase en 71 estradas provinciais.