A Deputación garante a "xestión segura" dos centros comunitarios de compostaxe

Pontevedra
25 de marzo 2020

A administración provincial elaborou un documento no que se facilitan á cidadanía indicacións de como tratar o lixo nos domicilios durante a crise sanitaria do Covid-19  

Composteiro comunitario do Plan Revitaliza con recomendacións ante o Covid-19
Composteiro comunitario do Plan Revitaliza con recomendacións ante o Covid-19 / Deputación de Pontevedra

Os centros de compostaxe comunitaria instalados en diferentes puntos da provincia no abeiro do Plan Revitaliza extremarán as precaucións para garantir unha "xestión segura" durante o estado de alarma.

Así o asegurou a Deputación de Pontevedra, que elaborou un documento no que se facilitan á cidadanía indicacións de como tratar o lixo nos domicilios durante a crise sanitaria do coronavirus Covid-19.

Ademais, colocáronse nos centros comunitarios unha serie de recomendacións para evitar posibles contaminacións cruzadas, aínda que o sistema de compostaxe segundo explican conta con maiores garantías que os tradicionais. Isto é así porque segundo o asesor Carlos Pérez os virus non soportan temperaturas maiores de 42º e no caso dos recipientes de compostaxe alcánzanse temperaturas maiores a 55º sostidas no tempo.

As recomendacións trasladadas aos usuarios non distan demasiado das xenéricas: gardar dous metros de distancia co resto das persoas; o uso de luvas dun só uso e lavar periodicamente as mans; non tocar nariz, boca e ollos, e en xeral extremar a hixiene.

Actualmente o Plan Revitaliza xestiona composteiros comunitarios en Lalín (1), Cerdedo-Cotobade (1), Vilagarcía (2), Portas (1), Campo Lameiro (1), Barro (1), Ribadumia (2), Caldas (4), O Grove (10), Sanxenxo (1), Redondela (1), Vilaboa (10), Cangas (3), Bueu (2), Ponteareas (2), Mondariz (13), Mondariz Balneario (7), As Neves (5), Gondomar (2), O Porriño (1), Salceda de Caselas (5), Oia (2) e Tui (3).

No caso dos composteiros individuais instalados dentro da propiedades particulares, estase a realizar un seguimento vía telefónica mantendo as actividades presenciais imprescindibles.