A presidenta da Deputación, Carmela Silva, presentou co alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, o convenio entre a administración provincial e o concello co que ambas as dúas institucións afrontarán o proxecto de reforma da EP-8005, a Travesía de Dona Urraca, que permitirá actuar nesta vía, de só 155 metros de lonxitude, co obxectivo de recuperar os espazos para as persoas e mellorar a mobilidade e seguridade do tránsito peonil.
A finalidade é dignificar a zona, que se atopa nunha contorna con de elementos patrimoniais de alto nivel, como son a igrexa de Santa María e o cemiterio parroquial.
Esta reforma da Travesía Dona Urraca será financiada ao 70% pola Deputación (311.000 euros) e ao 30% polo Concello (133.000 euros con fondos do Plan Concellos).
Carmela Silva asegurou que "era unha obriga actuar nesta estrada provincial claramente urbana sen seguridade nin as garantías de mobilidade que cómpre esixir no século XXI".
O Concello de Caldas xa aprobou o convenio e a Deputación fará o mesmo esta semana en Xunta de Goberno, "temos todo pechado para, a partir do venres, comezar co proceso de licitación e contratación de forma inmediata, comezar as obras e que esta sexa unha vía totalmente diferente".
A estrada estará dotada de seguridade, "coas persoas no centro da actuación e non os vehículos, xa que por aquí transcorre o Camiño de Santiago e ten moita afluencia de persoas", sinalou a presidenta, que asegurou que a obra permitirá a mellora "tanto de seguridade como esteticamente".
Pola súa banda, o alcalde, Juan Manuel Rey, sinalou que "o proxecto nesta rúa ten a vantaxe de resolver máis dun problema: de circulación, de accesibilidade e de embelecemento urbano", e lembrou que "vai converterse nunha nova centralidade" xa que "no futuro esta travesía contará co centro médico", cuxo acceso será facilitado grazas á actuación da Deputación e o Concello.