A Deputación financia un Local Social na Lama e gradas no campo de fútbol de Dorrón

A Lama
21 de marzo 2019

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres novos investimentos para A Lama e para Sanxenxo con cargo á Liña 1 do Plan Concellos 2019

Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra
Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra / Deputación de Pontevedra

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres novos investimentos para A Lama e para Sanxenxo con cargo á Liña 1 do Plan Concellos 2019.

En concreto, na Lama serán 155.112,87 euros para a creación dun local social na parroquia de San Lourenzo de Escuadra e, máis en concreto, no lugar do Peso.

O novo local contará cunha planta baixa de superficie construída de 135,58 metros cuadrados e disporá de cafetería, aseo feminino adaptado para persoas usuarias de cadeira de rodas, aseo masculino e sala multifunción. Esta última será un espazo diáfano no que se ofertarán unha multitude de actividades ao longo do curso. Así, este centro cumprirá coa función de entreter e de dinamizar a vida sociocultural e comunitaria da zona.

SANXENXO

No caso de Sanxenxo, serán 472.132,61 euros para a construción de gradas e vestiarios no campo de fútbol de Dorrón.

Levarase a cabo a substitución das gradas e vestiarios actuais. Así, instalaranse gradas prefabricadas con cuberta metálica, vestiarios baixo as mesmas e todos os servizos complementarios necesarios, como un circuíto de auga quente sanitaria. A superficie construída desta obra é de 242,7 metros cadrados.