A Deputación explora nos ''compogaliñeiros"

Pontevedra
01 de marzo 2016

Expertos na elaboración de compostaxe a través de galiñas imparten os seus coñecementos na Facultade da compostaxe durante esta semana. Dende a Deputación indican que algúns concellos da provincia xa solicitaron esta opción para desenvolvela

Avicomposteiro
Avicomposteiro / Deputación de Pontevedra
Explicación sobre os ovos que sairían dos avicomposteiros /

O investigador da Universidade Pública de Pamplona, Natxo Irigoien, resulta convincente ao indicar a calidade e a cor que ofrecen os ovos procedentes das galiñas que forman parte do proxecto de compostaxe que leva tres anos en funcionamento en Noáin (Navarra). Este investigador está a ofrecer durante esta semana unha explicación sobre o funcionamento deste proxecto no que se elabora o compost coa intervención de galiñas. O sistema utilízase para 31 familias nunha contorna urbana.

O vicepresidente da Deputación provincial, César Mosquera apuntou, durante a presentación desta iniciativa este martes 1 de marzo, que a institución provincial ten a intención de instalar "compogaliñeiros" en diferentes concellos da provincia e que algúns xa mostraron o seu interese. Mesmo estuda a posibilidade de que Pontevedra poida contar cun ou dous vinculados con hortas urbanas ou parques públicos.

Os avicomposteiros constan dun galiñeiro cunha parte aberta para ter ás galiñas soltas e outra pechada na que se inclúen tres módulos de compostaxe. No primeiro módulo deposítase o lixo orgánico seleccionado polos veciños e as galiñas dedícanse a voltear eses residuos osixenándoos de forma natural. A continuación, utilízase un segundo módulo ao que xa non acceden as aves e non se produce contaminación microbiolóxica. Xa no terceiro módulo inclúense lombrigas que axudan á elaboración do compost definitivo. Eses vermes tamén constitúen un alimento proteínico fundamental para as galiñas.

O proxecto que se desenvolve en Noáin permite que as familias integradas nesta iniciativa fornézanse de ovos que contan coa mesma calidade que os "ovos de casa de toda a vida" e sinalou que moitas familias atópanse en lista de espera porque, ademais, o avicomposteiro ofrece tamén unha alternativa de lecer. Natxo Irigoien apunta que este sistema trata unha media de seis toneladas anuais de materia orgánica sen que exista gasto.