A Deputación espera unha ocupación hostaleira dun 55 % para o mes de xuño nesta provincia

Pontevedra
07 de xuño 2019

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva deu conta este venres dos datos de turismo do pasado mes de maio, que valorou como "positivos", cunha ocupación media nos hoteis dun 53%

Turistas en Pontevedra
Turistas en Pontevedra / Mónica Patxot

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva informou que Turismo Rías Baixas estima que a ocupación hostaleira media na provincia para este mes de xuño é dun 55,3%.

Por comarcas, a estimación para a do Salnés é dun 50%, para Pontevedra un 60%, O Morrazo un 54%, Caldas un 51%, Vigo un 64%, o Baixo Miño un 42%, Condado-A Paradanta un 43% e Deza-Tabeirós-Terra de Montes un 56%. Espérase que os establecementos de turismo rural alcancen un 31% e os albergues un 65% de ocupación media.

En rolda de prensa, Carmela Silva tamén deu conta este venres dos datos de turismo do pasado mes de maio, que valorou como "positivos", cunha ocupación media nos hoteis dun 53%.

A presidenta destacou a relevancia desta cifra "tendo en conta que o 25,6% dos establecementos hostaleiros permanecen pechados en maio".

Por comarcas, a do Salnés alcanzou un 40%, Pontevedra un 61%, O Morrazo un 47%, Caldas un 55%, Vigo un 64%, o Baixo Miño un 49%, Condado-A Paradanta un 44% e Deza-Tabeirós-Terra de Montes un 50%. En canto ao turismo rural, cuxos establecementos estiveron "maioritariamente están pechados" excepto durante a ponte de maio, rexistrou un 20% de ocupación localizada fundamentalmente nas comarcas de Caldas e Pontevedra.

Carmela Silva tamén incluíu neste informe o dato da ocupación nos albergues, que na provincia supuxo un 60% e que por comarcas foi unha porcentaxe do 84% en Caldas, e nas comarcas de Pontevedra, O Salnés alcanzaron un 63%, o Baixo Miño e o Condado-A Paradanta o 58%, a comarca de Vigo o 54% e Deza-Terra de Montes o 45%.

PERFIL

O perfil dos visitantes que acudiron á rede de oficinas de información turística da Deputación de Pontevedra durante o pasado mes de maio correspóndese nun 67% a españois (procedentes maioritariamente das provincias de Madrid, Lanzarote, Barcelona e Salamanca).

Carmela Silva remarcou que a cifra de visitantes de procedencia estranxeira (un 33%) principalmente veu de países como Alemaña, Francia, Estados Unidos, Portugal e Reino Unido "cada vez vén máis xente de fóra das nosas fronteiras ás Rías Baixas", comentou a presidenta provincial. Como sempre, a maioría (un 62%) alóxase en hoteis e o tempo de estancia media (o 33%) estiveron entre 7 e 15 días.

A cultura, o lecer e o Camiño de Santiago son os principais motivos que esgrimen os visitantes á hora de xustificar a elección deste destino.