A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o vicepresidente, César Mosquera, compareceron este xoves en rolda de prensa para "acabar o ano con boas noticias" informando así de que a Xunta de Goberno Provincial acababa de aprobar o encargo á empresa Tragsa para levar a cabo a restauración ambiental da Xunqueira de Alba.
Este encargo ten un orzamento de 3,6 millóns de euros. Trátase de "un investimento imprescindible", segundo valorou a presidenta.
A actuación prevista arrincará coa demolición das edificacións e instalacións do Parque de Maquinaria e da Imprenta Provincial e proseguirá coa rexeneración ambiental dos terreos que actualmente ocupan (pendente dun informe sectorial de Costas) e a construción dun novo Parque de Maquinaria no polígono de Outeda-Curro.
En xaneiro empezará a construción do novo Parque de Maquinaria, cun prazo estimado de oito meses de obras, e xa contan coa licenza urbanística aprobada polo Concello de Barro "que foi absolutamente colaborador", recoñeceu Carmela Silva.
A demolición das instalacións da Xunqueira ocupará preto dos catro meses e a restauración ambiental da zona ten un prazo de dous meses. "A inicios do ano 2023 estaría construído o Parque de Maquinaria en Barro, feito o traslado e rexenerada a Xunqueira de Alba", anunciou a presidenta da Deputación de Pontevedra.
O novo Parque de Maquinaria ocupará unha superficie de 8.762 metros cadrados e contará cun taller xeral (cunha planta rectangular de 700 metros cadrados), unha zona de almacén para as brigadas, o edificio administrativo e outro almacén xeral para a Deputación de 450 metros cadrados.
"É unha construción moderna que se realizará baseándose nos principios de sustentabilidade", comentou Carmela Silva. Igualmente vanse a "reutilizar" algúns dos materiais que actualmente están na Xunqueira como son as marquesiñas ou o peche perimetral da parcela, entre outros elementos.
César Mosquera explicou que toda a fronte deste terreo vai quedar "liberada" á espera de que fagan o mesmo outras administracións como a Consellería de Medio Ambiente cos edificios lindeiros que son da súa titularidade, ou coa parcela do Ministerio de Fomento e a da Dirección Xeral de Tráfico.
"Chegar ata aquí non foi fácil, hai moito traballo detrás", destacou o vicepresidente. Neste sentido, a presidenta fixo un recoñecemento a todos os empregados públicos que traballaron para sacar este proxecto adiante.