A Deputación de Pontevedra aprobou o informe preceptivo pero non vinculante respecto ao proceso de fusión voluntaria aberto entre os concellos de Cerdedo e Cotobade. Ademais do informe técnico que elaboraron o secretario do Pleno e o interventor, o goberno provincial (PSdeG-BNG) acompaña un informe político. En ambos os escritos fanse constar as dúbidas sobre a fusión.
A presidenta da institución provincial, Carmela Silva, recoñeceu que estes informes "non implican absolutamente nada" xa que non son vinculantes e porque entende que a Xunta de Galicia "xa o tiña todo decidido o día en que se fixo o anuncio, antes de que se iniciase o procedemento". En todo caso, subliñou que "queremos que quede constancia das nosas dúbidas polo que poida ocorrer no futuro".
En resumo, Carmela Silva explicou que con estes informe o goberno provincial "fixa a súa postura" porque "non quere ser cómplice" deste modelo de fusións "ad hoc" nos que nin sequera existen "análises serias".
Respecto ao informe político, elaborado polo goberno da Deputación, critícase a inexistencia dun "proxecto global para toda Galicia" e lémbrase que os concellos teñen "un serio problema de financiamento" ante o que entenden que "a solución non pasa por fusións diversas" senón por un plan que garanta que esas unións van supoñer unha mellora nas prestacións de dereitos e servizos para a cidadanía.
Ademais chama a atención do goberno provincial os criterios desta fusión voluntaria entre Cerdedo e Cotobade "cando hai outros municipios limítrofes que comparten maiores niveis de interconexión" polos seus límites, en servizos sociais, en servizos comúns, aforro económico, entre outros argumentos "que non se tiveron en conta".
Tamén se critica que ao longo deste proceso non se tivese en conta a opinión, nin doutros concellos, grupos políticos nin dos colectivos veciñais, que expuxeron a "imposibilidade" de estudar a información "polo seu volume e escaso tempo".
Neste informe político tamén reflicten as dúbidas sobre as consecuencias da fusión en canto ao mantemento dos equipamentos e servizos, ao futuro dos partidos xudiciais que non está resolto e tamén cuestionan a escasa información achegada neste proceso.
O informe técnico, pola súa banda, asegura que non consta que Cerdedo ou Cotobade realizasen estudos comparativos entre as diferentes alternativas de fusión con concellos lindeiros "a fin de instar a fusión coa mellor opción das legalmente posibles", xa que advirten que "as fusións espontáneas poden non ser as óptimas".
En todo caso, o informe sinala que o expediente de fusión cumpre con todos os requisitos legais para este tipo de procedementos e que o concello resultante, cos datos na man, conseguiría mellorar os seus ingresos ordinarios e reducir os seus gastos, podendo dedicar máis recursos á prestación de servizos públicos.