A partires do 26 de outubro o Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra contará cunha ordenanza reguladora que completa e sistematiza o seu funcionamento. Así o anunciou este xoves o vicepresidente da institución provincial, César Mosquera, quen asegurou que o texto deste documento "moi completo e moi técnico" será sometido a votación no pleno da vindeira semana.
"Trátase dunha ordenanza pioneira, en canto ata o de agora non había asentados unha serie de principios vinculados aos procesos de compostaxe", asegurou Mosquera.
O vicepresidente fixo especial fincapé en que este documento "ven demostrar a madurez do Plan Revitaliza" que "avanza a velocidade de cruceiro" e segue "superando etapas" como demostra "chegar a este grao de regulación".
Tamén mencionou como mostra da boa marcha do plan que a previsión inicial é que a maioría dos concellos da provincia se adhiran ao Revitaliza na vindeira convocatoria.
Esta ordenanza "entende a compostaxe como un proceso eficaz e controlado" e lembrou que a gran novidade, e tamén o maior éxito do Plan Revitaliza, é o control e o seguimento que se realiza a través de persoal técnico e cualificado especificamente para este fin. Neste sentido, mencionou experiencias de distribución de composteiros individuais que se realizaron no pasado, sen ningún tipo de control nin de asesoramento ou seguimento, e que non deron ningún dos resultados desexables para avanzar no tratamento sostible dos biorresiduos.
A ordenanza reguladora do Plan Revitaliza inclúe a nova terminoloxía asociada aos procesos de compostaxe -cun amplo apartado de definicións-, e aos principios que leva inherentes, como son a autosuficiencia e a proximidade. O texto avanza ademais, segundo anunciou César Mosquera, no impulso da nova lexislación da directiva marco europea e na necesidade "de baixala a terra e poñela en termos semellantes a esta ordenanza".
A Deputación exporá o seu plan de compostaxe en Bruselas convidada pola Comisión Europea.
O asesor provincial de residuos, Carlos Pérez indicou que con este documento "tamén damos un paso máis para pasar da reciclaxe ao concepto da prevención".
A ordenanza da Deputación de Pontevedra terá un papel relevante na vindeira das xuntanzas que está a levar a cabo o Estado español entre as institucións e Administracións que están realizando as experiencias máis avanzadas en materia de compostaxe.
Este foro terá lugar os días 5 e 6 de outubro en Pontevedra e que contará coa participación de representantes da Generalitat de Catalunya, da Generalitat de Valencia, de Euskadi, de Navarra e do Ministerio.
BRUSELAS
Por último, Mosquera tamén anunciou que a Deputación exporá o seu plan de compostaxe en Bruselas o vindeiro 19 de novembro, convidada pola Comisión Europea.
Este convite chega despois de que o Plan Revitaliza fora seleccionado o pasado ano como "experiencia ambiental relevante" pola axencia europea "Zero Waste Europe", unha entidade que traballa da man da Comisión Europea no ámbito do Medio Ambiente.