A Deputación e o Concello de Cerdedo-Cotobade reformarán o núcleo da Chan

Cerdedo-Cotobade
04 de abril 2017

O presidente de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e o deputado delegado de Mobilidade, Uxío Benítez, sellaron este martes o acordo de financiamento para acometer unha obra que humanizará todos os espazos da contorna da Praza da Chan, dará preferencia peonil a este lugar e mellorará a imaxe da capela de San Roque

A Deputación e o Concello de Cerdedo-Cotobade reformarán o núcleo da Chan
A Deputación e o Concello de Cerdedo-Cotobade reformarán o núcleo da Chan / Concello de Cerdedo-Cotobade

O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de iniciar a tramitación administrativa para acometer a terceira fase da reforma urbana do núcleo da Chan, na parroquia de Carballedo, que incluirá a humanización da praza, da travesía do concello e da contorna da capela de San Roque.

A Deputación de Pontevedra asumirá o 70% dos 607.000 euros do orzamento.

O presidente de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e o deputado delegado de Mobilidade, Uxío Benítez, sellaron este martes o acordo de financiamento para acometer unha obra que humanizará todos os espazos da contorna da Praza da Chan, dará preferencia peonil a este lugar e mellorará a imaxe da capela de San Roque. 

Asimesmo, o proxecto inclúe a creación dunha bolsa de aparcadoiros dotada con 50 prazas, un servizo moi demandado nesta contorna onde se acumulan equipamentos como a casa consistorial, o banco ou o centro médico, entre outros.

Estas cuestións recolleranse nun convenio a asinar nos vindeiros meses.

Esta actuación suporá a terceira fase do plan de reforma urbana da Chan, que comezou no ano 2012 e que contemplou, ata a data, a reforma da Praza do Concello e a dotación de beirarrúas e renovación de servizos na travesía principal por parte da Xunta.