A Deputación e o Concello de Cerdedo-Cotobade asinan o convenio para reformar A Chan

Cerdedo-Cotobade
09 de agosto 2018

Ambas as dúas institucións rubricaron este xoves un acordo que supoñerá reformar a contorna da praza da Chan, en Carballedo, e da capela de San Roque, con medidas que favorezan o tránsito peonil e o acougado do tráfico

Sinatura do convenio de colaboración entre a Deputación e o Concello de Cerdedo-Cotobade
Sinatura do convenio de colaboración entre a Deputación e o Concello de Cerdedo-Cotobade / PontevedraViva

A contratación das obras para reformar a contorna da praza da Chan, en Carballedo, e da capela de San Roque, está xa só pendente de trámites administrativos tras a firma este xoves do convenio de colaboración entre a Deputación de Pontevedra e o Concello de Cerdedo-Cotobade.

Ambas as dúas institucións formalizaron un acordo polo cal a administración provincial financiará o 70% dos 607.000 euros orzamentados para a reforma e o Concello o 30% restante.

O obxectivo desta actuación, para a que se tivo que pedir permiso a Patrimonio, é instalar medidas que favorezan o tránsito peonil e o acougado do tráfico.

Na Chan, ademais de adecuar a zona con plataforma única, habilitarase un aparcadoiro disuasorio xunto ao Concello que dará servizo a unha zona de Carballedo na que tamén se atopa o centro de saúde, mentres que na capela de San Roque habilitarase unha zona exclusiva de uso peonil.

"Vai ser un antes e un despois para todo o entorno da Chan", sinalou o presidente de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, mentres que a presidenta da Deputación, Carmela SIlva, recoñeceu que se trata de "un espazo que merece a pena que se poña en valor". Ambos compareceron para explicar a actuación prevista xunto ao deputado de Mobilidade, Uxío Benítez.

Unha vez contratadas e licitadas as obras, contarán cun prazo de execución de seis meses.