A Deputación e a Xunta continúan enrocadas na polémica sobre a comarcalización do Parque de Bombeiros

Pontevedra
10 de abril 2018

Luis Menor, director xeral de Emerxencias e o deputado Carlos López Font coincidiron na sinatura dun convenio na Deputación Provincial e debatiron sobre a fórmula para elaborar un mapa de atención das urxencias en Pontevedra e Vigo

Carlos López Font, deputado provincial, con Luis Menor, director xeral de Emerxencias
Carlos López Font, deputado provincial, con Luis Menor, director xeral de Emerxencias / Paula Sanmartín

Luís Menor, director  xeral de  Emerxencias e o deputado Carlos López Font coincidiron na sinatura dun convenio na Deputación Provincial e debateron sobre a fórmula para elaborar un mapa de atención das urxencias en Pontevedra e Vigo. Estes dous responsables da Deputación e da Xunta destacaban a importancia da cooperación institucional en relación á entrega que a través do Consorcio Provincial contra Incendios realizábase de máis de 3.000 detectores de fume doméstico destinado a varios concellos da provincia coa idea de que se repartan en domicilios de persoas de idade avanzada. Ambos dirixentes fundíronse nunha aperta ao atoparse na sala de comisións da  Deputación. 

Con todo, Luís Menor e Carlos López Font entraron en debate ante os micrófonos ao ser preguntados polo futuro da comarcalización dos parques de bombeiros de Pontevedra e de Vigo para ofrecer unha mellor cobertura a todos os Concellos en casos de emerxencia. Para o director  xeral de Emerxencias, a idea de comarcalización destes dous parques debe ser aprobada polo consorcio provincial para despois ser trasladada aos alcaldes dos dous Concellos máis importantes da provincia. Pola súa banda, Carlos López Font entende que a idea parte do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e que, por tanto, debe ser a administración autonómica quen se poña en contacto con Miguel Anxo Fernández Lores e Abel Caballero para tentar establecer as bases para a comarcalización dos dous parques municipais.

Luís Menor chegou a admitir que se estudará esa opción unilateral pero manifestou que non entendía os motivos polos que era necesario actuar de maneira distinta a como se está a resolver este problema en Santiago, Ferrol e Ourense. Por este motivo, reclama que a  Deputación debe ir da man coa Xunta a negociar a comarcalización deste servizo, mentres que desde o goberno da institución provincial consideran que esa proposta debe realizala unicamente a Xunta para despois ser aprobada polo consorcio provincial.

Ambos admitiron que as posturas entre as dúas administracións atópanse enfrontadas á espera de novos encontros para tentar levar a cabo un mapa de emerxencias para a provincia.