A Deputación e a UNED, unidas para analizar os asuntos de interese mutuo para ambas institucións

Pontevedra
22 de abril 2024

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, reuniuse co director da UNED Pontevedra, Víctor González Sánchez, para estudar as posibles vías de colaboración entre ambas institucións e seguir ofrecendo servizos de calidade á cidadanía de toda a provincia

Luis López reunido co director da UNED, Víctor González Sánchez
Luis López reunido co director da UNED, Víctor González Sánchez / Deputación de Pontevedra

Abordar asuntos de interese mutuo e establecer unha canle de comunicación áxil entre Deputación e UNED, eses foron os puntos que analizaron o presidente provincial, Luis López, e o director do organismo universitario en Pontevedra, Víctor González Sánchez.

Ambos dirixentes estudaron as posibles vías de colaboración entre ambas institucións e seguir ofrecendo servizos de calidade á cidadanía de toda a provincia.

Neste senso, durante o encontro plantexaron colaborar en diversos programas propostos pola universidade como a 'Cátedra de Integración Rexional, Unión Europea e América Latina', o encontro da Fundación Mulleres por África na UNED, a organización na cidade de Pontevedra da reunión do Consello do Campus Noroeste da UNED ou a contratación de dez mozos e mozas a través do programa Primeira Experiencia do SEPE e a convocatoria do 'Venias Docendi' para ser titor desta institución.

Así mesmo analizaron o proxecto para reformar a sede da UNED, que precisa unha serie de melloras na súa estrutura, de eficiencia enerxética, na cuberta e nos accesos, así como unha revisión dos sistemas enerxéticos e da distribución dos espazos interiores do centro.

O presidente da Deputación interesouse tamén polos proxectos educativos que a UNED ten en marcha en Pontevedra, así como polas iniciativas a desenvolver nos diferentes centros asociados repartidos por toda a provincia, e tendeu a man da institución provincial para colaborar coa universidade "en todo o que sexa posible".