A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, comunicou oficialmente ao presidente e ao vicepresidente da xestora do novo concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela e José Balseiros, que no seu "ánimo de escoitar aos alcaldes, apoiar aos concellos, respectar a autonomía local e axudar ao desenvolvemento dos municipios", decidiu estimar a petición que ambos trasladaron á institución provincial para conseguir un fondo complementario aos recursos do Plan Concellos 2017.
A finalidade é compensar a diminución que sufriría o territorio a consecuencia da súa fusión.
No último pleno provincial deuse conta do informe de Intervención que sinalaba que a Deputación "non ten obriga algunha de facer esa achega extraordinaria compensatoria da diminución dos fondos ocasionada pola fusión". Con todo, o interventor deixa aberta a posibilidade de facelo, e mostra a canle administrativa indicada para elo.
O goberno incorporará na próxima modificación do orzamento provincial o suplemento de 185.853,19 euros que o novo concello de Cerdedo-Cotobade deixaría de percibir en comparación coa suma dos recursos económicos que ambos os municipios recibiron por separado do Plan Concellos.
COTOBADE
Só no referido ao Plan Concellos do pasado ano 2016, o goberno de Carmela Silva achegou a Cotobade máis de medio millón de euros, un 37% máis que no 2015. Durante o ano 2016 a Deputación de Pontevedra destinou a Cotobade un total de 631.308,51 euros, isto é, unha media de 147,16 euros por habitante.
CERDEDO
No caso de Cerdedo, só no referido ao Plan Concellos 2016, a Deputación achegou preto de 400.000 euros, un 25,3% máis que no ano 2015. Durante o ano 2016 a administración provincial destinou a Cerdedo un total de 539.326,11 euros, isto é, unha media de 302,82 euros por habitante.