A Deputación destina un millón e medio de euros á construción dos novos lombos e redutores de velocidade

Pontevedra
02 de setembro 2018

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explica que as obras están en fase de contratación e iniciaranse en 2019

Lombo nunha estrada provincial
Lombo nunha estrada provincial / Deputación de Pontevedra

O departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra vai destinar máis de 1.552.000 euros á construción dos novos lombos e redutores de velocidade do Plan de Mobilidade e Velocidade Segura 2 (MÓVESE 2) en 38 concellos da provincia. O deputado Uxío Benítez anunciou que ven de aprobarse a contratación destas obras en Xunta de Goberno co obxectivo de aumentar a seguridade da rede viaria provincial.

Benítez apunta que o Móvese 2 inclúe a instalación de 358 novos elementos de calmado de tráfico que, unidos aos 638 do Plan Móvese inicial da Deputación e a todos os instalados polos gobernos municipais, sumarán un total aproximado duns 3.000 na provincia.

Concellos como Cambados, Meaño e Meis, que non solicitaran dispositivos de calmado de tráfico no primeiro plan Móvese, aproveitaron para sumarse á iniciativa provincial e facer as súas peticións. Os municipios restantes repetiron solicitude para completar actuacións anteriores.

A contratación dos lombos vaise acometer en dous lotes por cuestións xeográficas. A intención é que unha vez pechados os trámites burocráticos as obras se inicien o vindeiro 2019 e se adapten á climatoloxía co fin de evitar problemas de execución polas chuvias.

O deputado de Mobilidade lembra que existe unha grande demanda de elementos de calmado de tráfico por parte dos concellos. Destacou que as peticións á Deputación incluso se manteñen despois de ter pechado esta segunda fase do Móvese, motivo polo que deixou a porta aberta a unha nova edición.

Benítez lembrou tamén que a tendencia xeral de seguridade viaria tanto no estado como no estranxeiro segue a liña de calmado de tráfico na que está a traballar a Deputación e sinalou que por iso o Móvese está a ter recoñecementos de diferentes institucións como a Dirección Xeral de Tráfico ou a Asociación Española de la Carretera, así como peticións de colaboración técnica por parte doutras administracións.