O goberno da Deputación de Pontevedra salienta que nos orzamentos para o 2016 destina un 20,5% máis de recursos económicos a fomentar o emprego na provincia.
Nun comunicado emitido pola Administración provincial sinalan que entre os anos 2011 e 2016 os recursos destinados a emprego do Goberno de España diminuíron en 15.100 millóns de euros e, no mesmo período, o orzamento destinado a mellorar a empregabilidade e a facilitar o acceso ao emprego recortáronse nun 31%.
Fronte a esta "política de recortes" e descenso de investimentos en políticas de emprego do goberno central, o novo goberno bipartito PSOE-BNG "cumpre cos compromisos adquiridos na toma de posesión investindo 15,3 millóns de euros en fomento de emprego".
"O noso país é máis pobre que hai catro anos, con máis paro e parados sen axuda pública que hai catro anos e ante estes datos a resposta do goberno central foi plantexar para o 2016 uns orzamentos que dan as costas ós máis vulnerables da sociedade", di o comunicado.
Ademáis salientan a posta en marcha por parte da Deputación dun departamento propio denominado Servizo de Promoción de Emprego e Desenvolvemento Local, ata o momento inexistente, e que terá un orzamento de preto de 4 millóns de euros que se complementarán cos preto de 3 millóns de euros que o novo goberno provincial destinará ó Servizo de Recursos Humanos e Formación.
É necesario engadir os 9 millóns de euros destinados ó fomento do emprego nos concellos da provincia.
Durante o 2016, a Deputación contempla outorgar axudas ós investigadores e innovadores e contribuír nas bolsas do alumnado universitario dos campus de Pontevedra e Vigo, para que teñan acceso ás estancias noutros países de Europa durante un curso en igualdade de condicións.
Tamén se impulsará un protocolo de actuacións para os vindeiros catro anos, coa Universidade de Vigo, coa finalidade de traballar conxuntamente compartindo experiencias e coñecemento.