A Deputación destina 1,1 millóns de euros a impulsar a primeira oportunidade laboral

Pontevedra
27 de setembro 2024

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar este venres en Xunta de Goberno os 35 concellos que serán entidades colaboradoras do plan +Emprega nos Concellos  

Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra
Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra / Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar este venres en Xunta de Goberno os 35 concellos que serán entidades colaboradoras do plan +Emprega nos Concellos.

Destínanse 1,1 millóns de euros a este proxecto que busca dotar aos mozos desempregados dunha primeira experiencia profesional que se desenvolverá entre este ano e o 2025.

En rolda de prensa, o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López detallou que serán 35 concellos de menos de 50.000 habitantes os beneficiarios desta iniciativa pola que percibirán entre 12.000 e 50.000 habitantes.

Serán un total de 72 contratos formativos, dos que 42 son para mozos licenciados, graduados ou diplomados e 30 para Formación Profesional.

"Seguimos avanzando e sumando con proxectos para fomentar o emprego e mellorar así a calidade de vida da veciñanza da nosa provincia", sinalou Luis López "e, ademais, facémolo da man dos concellos, que son os verdadeiros protagonistas da acción deste goberno provincial", engadiu. 

Tamén este venres a Deputación aprobou destinar algo máis dun millón de euros para proxectos incluídos no Plan +Provincia. 

En concreto, Silleda percibirá 120.000 euros para obras de mellora da mobilidade peonil e a rexeneración urbana no centro de Bandeira, Salceda de Caselas leva 130.000 euros para a ampliación da rede de saneamento en Parderrubias, Ponteareas recibirá 145.000 euros para obras de conservación e mellora do cemiterio municipal de San Miguel, e por último, Vilagarcía terá 630.000 euros para a humanización da rúa Conde Vallellano.

Luis López informou que con estas achegas "xa case están repartidos 48,2 millóns de euros dos que estaba dotado o Plan +Provincia".