A Deputación desmárcase da proposta da Xunta para comarcalizar os parques de bombeiros

Pontevedra
19 de decembro 2017

A Xunta de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e tres das catro deputacións provinciais, a excepción da de Pontevedra, acordaron este martes avanzar na comarcalización dos parques de bombeiros das grandes cidades como unha das fórmulas para reducir os tempos de resposta na xestión das emerxencias

Grupo de traballo por las emergencias
Grupo de traballo por las emergencias / Xunta

A Xunta de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e tres das catro deputacións provinciais, a excepción da de Pontevedra, acordaron este martes avanzar na comarcalización dos parques de bombeiros das grandes cidades como unha das fórmulas para reducir os tempos de resposta na xestión das emerxencias.

A medida aprobouse na terceira reunión do grupo de traballo polas emerxencias, que se celebrou en Santiago de Compostela. Agora ábrese unha nova etapa na que se debe determinar o modelo elixido para abordar o financiamento desa comarcalización e unha negociación coas cidades das que dependen eses parques, que ata o de agora e de forma xeral só atenden ás emerxencias que se producen nos seus propios municipios.

O deputado provincial Carlos López Font cualificou de "broma de mal gusto e un novo engano á cidadanía de Pontevedra" este "pretendido proxecto de comarcalización das emerxencias da Xunta de Galicia".

Font sinalou que "como temíamos, foi unha reunión sen ningún contido real, na que a Xunta o que pretende é pasar o seu rodillo á provincia e impor as cidades de Pontevedra e Vigo a prestación dun servizo que non lles corresponde e ademais se nin sequera consultalo con elas".

O deputado provincial aseverou que "unha vez máis a Xunta de Galicia deixa moi claro que non ten un proxecto real para as emerxencias, proxecto do que non aporta informes técnicos, nin unha avaliación de necesidades e recursos".

Para Font "toda a polémica que Alfonso Rueda pretende montar coa Deputación de Pontevedra é simplemente un manto para tapar os problemas que teñen as emerxencias actualmente na provincia sen responsabilizarse de que se derivan das decisión que tomaron o propio Alfonso Rueda e Rafael Louzán".

O deputado tamén deu resposta ás declaracións do director xeral de Emerxencias, Luis Menor, que dixo que as competencias para os concellos de menos de 20.000 habitantes as teñen as deputacións. Carlos López Font foi tallante. "Se queren falar de competencias, nos sentamos a falar onde queiran e cando queiran. Terán que explicarnos de quen son as competencias de menores, de investigación agrogandeira, de educación ou de política social que á Deputación lle supoñen máis de 20 millóns de euros dos seus recursos cando son competencias da Xunta", asegurou.

"Cando queiran, insisto, nos sentamos a falar", rematou Carlos López Font.

GRUPOS DE EMERXENCIA SUPRAMUNICIPAL

Ademais, o grupo de traballo, esta vez de xeito unánime, acordou as vías para cubrir as zonas de sombra que quedarían pese ás comarcalizacións. Buscarase racionalizar os medios existentes, priorizar as zonas que están a máis de 30 minutos e despois as que están entre 20 e 30, e crear novos servizos, na súa maioría Grupos de Emerxencia Supramunicipal (GES).

A concreción destes servizos farase en subcomisións de carácter provincial que permitan avanzar no proceso de mellora da xestión das emerxencias en toda Galicia e cuxa composición se consensuará coa Fegamp e as deputacións provinciais.