A Deputación de Pontevedra programa actividades polo Nadal

Pontevedra
01 de decembro 2023

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presentou este venres a programación de Nadal deseñado para "tender pontes de agarimo, respecto e solidariedade"

Decoración de Nadal no Pazo Provincial
Decoración de Nadal no Pazo Provincial / PontevedraViva

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presentou este venres a programación de Nadal deseñada para "tender pontes de agarimo, respecto e solidariedade".

A programación arrincará este venres ás sete desta tarde co acendido simultáneo da iluminación no edificio administrativo da Deputación, na Cidade Infantil Príncipe Felipe, no Museo de Pontevedra, no Palacete das Mendoza, na sede de Vigo, nos castelos de Soutomaior e Sobroso e, por suposto, no Pazo Provincial que acollerá o acto central que inclúe unha gran chocolatada "á que está convidada toda a provincia".

"Serán máis de 250.000 luces eficientes", comentou Luis López nunha comparecencia ante os medios de comunicación no Pazo Provincial onde se apuraba a instalación dun gran abeto no vestíbulo.

Luis López manifestou que "nestas datas queremos compartir momentos únicos coas familias da nosa provincia e para iso deseñamos unha programación completa e variada" que ten dous escenarios principais que son o Castillo de Soutomaior e o Museo de Pontevedra.

No Castillo de Soutomaior haberá visitas teatralizadas os días 6, 7, 8, 9 e 10 de decembro ás 11.30 e ás 16:30 horas con 30 prazas en cada quenda.

Ademais, haberá un espectáculo de videomapping. Trátase dun espectáculo de luz e son, proxectando unha animación de vídeo sobre a torre de homenaxe a fortaleza para conseguir un efecto artístico. Terá unha duración de seis minutos con pases continuos desde o atardecer ata as 21.00 horas, entre o 22 de decembro e o 4 de xaneiro (excepto os días 24, 25 e 31 de decembro e o 1 de xaneiro coincidindo co peche ao público destas instalacións).

Outra novidade é que tamén se organizará un xogo de escapismo no que as persoas que se apunten vivirán o asedio dos Irmandiños a Pedro Madruga. Resolvendo probas e pistas, os participantes (maiores de 8 anos) terán unha hora de tempo para axudar ao señor feudal. Haberá seis pases durante cada xornada os días 21, 22, 23, 26, 28, 29 e 30 de decembro e o 3 e 4 de xaneiro, con 25 prazas en cada quenda.

Tanto para as visitas teatralizadas como para o xogo de escapismo é necesario adquirir entrada a un prezo de 8 euros.

MUSEO DE PONTEVEDRA

O Museo de Pontevedra inclúe na súa programación a "Terceira Gala Lírica" co alumnado do Conservatorio Manuel Quiroga de Pontevedra, o "Concerto de Nadal" co alumnado da Academia Gaia e o "Recital de Danza Clásica" a cargo da escola Vaganova.

Tamén haberá no Museo un "Ciclo de cinema infantil" centrado na animación feita en Galicia, con proxeccións todos os venres e xoves, ás 18 horas, durante o Nadal.

"Ilustrando un pasado mítico" é o nome dos talleres para nenos de 6 a 10 que tamén organiza o Museo sobre a lenda da fundación da cidade de Pontevedra por parte de Teucro. É unha actividade gratuíta e hai dispoñible 15 prazas cada día, previa inscrición.

O presidente da Deputación tamén lembrou que o Museo acolle durante estas datas dúas exposicións temporais: ‘Campo de sementes 2’ que recolle o traballo realizado tanto polo profesorado como polos graduados da Facultade de Belas Artes de Pontevedra e ‘Mar e a pantasma das treboadas’ que expón os orixinais das doce ilustracións que realizou o artista Xavier Magalhães para o libro con leste mesmo título, escrito por Clara do Roxo e que acaba de publicar o Museo.