A Deputación de Pontevedra corrixiu o seu orzamento oito veces en só tres meses

Pontevedra
28 de setembro 2012

Para o PSOE é unha mostra da "improvisación" do grupo de goberno. O PP asegura que estos trámites permitirán dispoñer de 3,6 millóns de euros adicionais

O plan de cooperación cos concellos ratificado pola Deputación de Pontevedra obriga a corrixir o orzamento aprobado fai só tres meses.

O secretario provincial do PSOE, Santos Héctor Rodríguez, criticou a "improvisación" que demostran as oito modificacións de crédito presentadas ata a data "ou se fixeron as cousas mal, de forma atropelada ou algo falla", afirmou.

Mentres que o vicepresidente da Deputación, José Manuel Figueroa destacou que estes trámites permitirán ao goberno provincial dispoñer de 3,6 millóns de euros para partidas para as que non foron consignados, o que foi contestado desde a bancada socialista como un "artificio financieiro" do que só quedarán 1,6 para a investimentos, e o resto destínanse a gasto corrente, denuncia o PSOE.

Os populares destacaron que a redución da débeda da institución segue sendo unha "prioridad" no seu mandato e recordaron que este ano finalizará cunha amortización de vinte millóns, seis máis dos previstos no orzamento do presente exercicio económico, o que a deixará situada en 90 millóns de euros.

O novo plan de investimentos ao que o goberno provincial deu luz verde está cifrado en 18 millóns de euros e terá como beneficiarios a todos os concellos da provincia de menos de 30.000 habitantes.

Nas bases reguladoras do reparto dos fondos do plan figura unha partida de 3,6 millóns de euros de "concesión directa" do presidente da institución, o que suscita os receos dos grupos da oposición.