A Deputación dá os primeiros pasos do novo proxecto para a estrada provincial entre Xesteira e Almofrei

Cerdedo-Cotobade
05 de febreiro 2020

O deputado provincial de Infraestruturas Gregorio Agís anunciou que se actuará sobre quilómetro e medio da estrada provincial EP-0405 no Concello de Cerdedo-Cotobade. Unha estrada para a que o Partido Popular ven demandando melloras desde hai máis de dous anos

Actuación na pista Xesteira-Almofrei
Actuación na pista Xesteira-Almofrei / Concello de Cerdedo-Cotobade

Gregorio Agís, deputado provincial de Infraestruturas, anunciou que se inicia a tramitación para redactar o novo proxecto para a estrada provincial EP-0405 Xesteira-Almofrei no concello de Cerdedo-Cotobade. 

Segundo expoñen desde a Deputación Provincial tratarase dun proxecto no que se adoptarán criterios actuais de infraestruturas seguras fomentando a mobilidade peonil e aposta polo acougado de tráfico e a seguridade viaria.

A intervención será ao longo dun quilómetro e medio de estrada, ata o Campo dá  Feira. Amplíase o anterior proxecto da época do goberno de Rafael Louzán, que cubría 700 metros e que, segundo Agís, finalizaba nun muro. O deputado socialista sinala que aquel proxecto contaba con importantes deficiencias que obrigaron a paralizalo e que provocou a demanda por parte do goberno local e do PP para que se acometera desde hai máis de dous anos. 

Gregorio Agís avanzou que tentará manter un encontro con Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade para sentar as liñas de traballo e que desde o goberno local se encargue da cesión de terreos, ademais de acordar tamén o sistema de porcentaxe de financiamento entre a Deputación e o Concello.