A Deputación de Pontevedra vén de iniciar as obras de instalación de cunetas transitables na EP-8004 entre Caldas e Vilanoviña, ao seu paso polo concello de Portas, e na EP-0403 entre Carballedo e Rebordelo, en Cerdedo-Cotobade.
Estas actuacións derívanse do acordo marco para dotar destes elementos de seguridade para as persoas ás estradas da rede provincial naqueles puntos nos que resulta imposible realizar sendas ou plataformas únicas por dificultades técnicas.
As cunetas teñen anchos de entre un e dous metros e pola súa escasa pendente permiten camiñar por enriba delas con total normalidade polo que, na práctica, habilitan itinerarios peonís cómodos e seguros. Con estas actuacións, estanse substituíndo paulatinamente as vellas cunetas, moi profundas e ademais pouco funcionais pola súa tendencia a cegarse, por este tipo de elementos transitables, nos que a drenaxe lonxitudinal das estradas combínase coa habilitación dun espazo adicional para o paso de peóns e ciclistas. Cando é necesario tamén se instalan tubaxes de drenaxe debaixo destas estruturas para garantir a correcta absorción das augas pluviais.
A través do acordo marco dividiuse a provincia en tres zonas (norte, centro e sur) e, nesta primeira fase vaise actuar nos vindeiros meses nun total de 77 estradas provinciais en medio cento de concellos, cun investimento de 1,9 millóns de euros. No que se refire á zona centro, o investimento ascende a 738.228 euros e instalaranse cunetas en 38 estradas provinciais que transcorren, amais de Portas e Cerdedo-Cotobade, por Barro, Bueu, Caldas, Cambados, Campo Lameiro, Cuntis, O Grove, A Lama, Marín, Meaño, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra, Redondela, Ribadumia, Sanxenxo, Meis, Vilagarcía e Vilanova de Arousa.
A instalación destas cunetas supón unha aposta pola seguridade viaria e por potenciar que as persoas poidan transitar polas beiras dos viarios provinciais con total seguridade naqueles tramos nos que os muros, as vivendas ou as circunstancias orográficas impiden ampliar a plataforma.