A Deputación considera "totalmente insuficientes" as obras que a Xunta iniciou no Pazo de Lourizán

Pontevedra
04 de febreiro 2022

A Deputación de Pontevedra lembra que "o convenio en vigor establece con claridade que o Goberno galego ten a responsabilidade sobre a conservación do edificio histórico"

Pazo de Lourizán
Pazo de Lourizán / Juan Mejuto

A Deputación de Pontevedra considera "totalmente insuficientes" as obras, orzamentadas en 208.245 euros, que a Xunta de Galicia vén de comezar no Pazo de Lourizán.

A Administración Provincial lémbrarlle ao Goberno galego a súa "obriga legal" de acometer a rehabilitación integral desta xoia patrimonial da arquitectura civil galega, "cuxa conservación é de responsabilidade da Administración autonómica en virtude dos convenios asinados e en vigor".

A Deputación pon novamente de manifesto que un informe técnico emitido polo servizo provincial de Arquitectura xa en 2019 diante do risco de ruína do Pazo, valora as actuacións necesarias e urxentes en 14.255.010 euros, "polo que non pode darse por satisfeita nin por cumprido o convenio con esta pequena actuación". 

Dende o Goberno provincial indican que a cláusula terceira do convenio, asinado en 1991 e en vigor, compromete á Xunta a "efectuar, previo informe da Consellería de Cultura, as obras de conservación necesarias para o mantemento da zona nobre do actual conxunto, respectando en todo caso o seu carácter artístico e monumental e concertando previamente coa Deputación calquera posible alteración dos elementos que a compoñen".