A Deputación considera "inaceptable" a decisión do Goberno sobre a prórroga a ENCE

Pontevedra
26 de xaneiro 2016

Carmela Silva comunicou que o goberno provincial, que integran PSOE e BNG, "apoia as reivindicacións que lidera o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores que, ademais ten o apoio do grupo municipal socialista no Concello"

Carmela Silva e César Mosquera
Carmela Silva e César Mosquera / Mónica Patxot

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, cualificou de "incomprensible e intolerable que o Goberno central, un goberno en funcións, tome a decisión de prorrogar ubicación de Ence en Pontevedra de forma totalmente unilateral. É inaceptable que un goberno en funcións poida tomar unha decisión como esta que compromete o futuro da cidade durante os próximos 60 anos".

Silva comunicou que o goberno provincial, que integran PSOE e BNG, "apoia as reivindicacións que lidera o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores que, ademais ten o apoio do grupo municipal socialista no Concello".

A presidenta lembrou que "xa en Xunta de Goberno da Deputación aprobamos unha declaración na que pediamos o cambio de ubicación de ENCE, que se buscase unha localización diferente á Ría de Pontevedra. Por tanto, imos estar á beira de todos aqueles, co alcalde Lores á cabeza, reivindicando que se escoite e se respecte a decisión das pontevedresas e os pontevedreses", engadiu.

Pola súa banda o vicepresidente provincial, César Mosquera, ao igual que a presidenta da Deputación, asegurou que "resulta escandaloso que se lle regalen máis de 1.000 millóns de euros a unha gran empresa mentres que aos pequenos empresarios e particulares con casas afectadas por Costas se lles masacre aplicando a lei. Lembrando aos clásicos da literatura española hai que dicir que 'Poderoso caballero es don dinero".

Así mesmo, o vicepresidente subliñou que a decisión de ampliar a concesión a Ence evidencia que "as decisións son cada vez menos democráticas e non se toman para ben xeral, senón para o interese dos que teñen capacidade de influír en certos sectores cada vez máis opacos".

Mosquera finalizou a súa valoración sobre a permanencia de Ence en Lourizán asegurando que "seguiremos batallando para recuperar a ría de Pontevedra".

POSICIONAMENTO DE PODEMOS

Podemos Galicia cre que esta prórroga "asinouse de costas á sociedade pontevedresa, que na súa maioría solicitaba que non se ampliase esta concesión facendo que ENCE pechase as súas portas en 2018".

A formación que lidera Pablo Iglesias sinala esta decisión coma un "despropósito político soamente pagable con portas xiratorias como a de Carlos do Álamo e Isabel Tocino, ex conselleiro e ex ministra de medio ambiente co PP e ambos os dous sentados hoxe no consello de administración de ENCE".

Entre outras consideracións Podemos Galicia apunta a "absoluta falta de honestidade" que, ao seu criterio, demostrou o goberno do PP en funcións, "hipotecando á cidade de Pontevedra ata o ano 2073 é só comparable á desvergoña de casos de corrupción que salpican a todos os altos cargos de Xénova".

Arquivado en