A Deputación completa a demolición dos seus inmobles para a rexeneración da Xunqueira de Alba

Pontevedra
12 de maio 2023

A presidenta Carmela Silva comprometeuse a que a rexeneración completa dos terreos será unha realidade no prazo de tres meses

Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra
Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra / Deputación de Pontevedra

A demolición dos inmobles que a Deputación ten na Xunqueira de Alba están a piques de rematar. A presidenta Carmela Silva informou este venres do avanzado estado das obras de demolición do Parque de Maquinaria e a Imprenta Provincial que dará paso á rexeneración integral da primeira zona húmida de Galicia declarada Espazo Natural de Interese Local (ENIL).

Os traballos de demolición “están xa practicamente rematados, xa están demolidos os dous edificios”, sinalou a presidenta, que concretou que na actualidade se está xa a proceder “ao derribo dos elementos de urbanización". Unicamente quedan pendentes de retirar elementos accesorios para posteriormente, “de xeito inmediato”, poder sanear os terreos e proceder á rexeneración da Xunqueira.

O investimento global da demolición e recuperación da Xunqueira de Alba ascende a preto de 4,5 millóns de euros e permitirá “recuperar uns 17.000 metros cadrados, dotando a Pontevedra dunha inmensa zona de espazos abertos nos que imos devolver o espazo público e medioambiental ás persoas”, asegurou.

A rexeneración está dividida en tres etapas. En primeiro lugar a preparación dos firmes e pavimentos para a formación dun novo sendeiro peonil, en segundo lugar a dotación de iluminación e mobiliario para crear zonas de esparexemento e ocio, e finalmente a plantación da cobertura vexetal nunha superficie de máis de 13.000 metros cadrados e a formación dun “bosque mixto”.

A rexeneración completa dos terreos será unha realidade no prazo de tres meses, avanzou a presidenta.

Ademais, Carmela Silva tamén informou do estado das obras do novo Parque de Maquinaria que se están a acometer en paralelo no Polígono de Barro para o traslado desta dotación, tamén en estado avanzado.

Doutra banda, a Xunta de Goberno deste venres serviu tamén para aprobar investimentos no ámbito da Cultura por valor de 240.000 euros para financiar catorce festivais musicais na provincia, entre eles o Millo Verde de Redondela. Estes fondos servirán tamén para a proxección de películas nomeadas aos premios Mestre Mateo en diferente concellos de Pontevedra ou seguir apostando por converter a provincia nun estudio de cinema.

Do mesmo xeito, a Deputación promove roteiros literarios guiados por diferentes municipios da provincia. O programa chegará a Pontevedra o próximo 18 de xuño da man de Adolfo Camaño

Por outro lado, a Deputación ten rematado xa o proxecto para acondicionar a Casa de Combarro para convertela no centro da promoción turística desta vila de Poio.  A institución provincial investirá 136.000 euros para realizar obras de mellora que corrixan o seu deterioro actual co fin de poder executar un proxecto de musealización na casa barroca.