O venres 19 de xullo terá lugar o pleno extraordinario da Deputación Provincial solicitado polas plataformas de afectados por preferentes e subordinadas. Así o acordou a xunta de voceiros reunida este luns no Pazo Provincial e na que participaron César Mosquera polo BNG, Santos Héctor, polo PSdeG-PSOE, e José Manuel Figueroa, polo PP.
O pleno, solicitado por José Manuel Estévez como coordinador da Plataforma de Afectados Vigo-Val Miñor e en representación de todas as da provincia. A esta petición sumáronse posteriormente PSdeG e BNG.
O Pleno centrarase exclusivamente en temas relacionados coa situación actual dos afectados, analizando asuntos como o apoio e asesoramento legal aos afectados, a continuidade da arbitraxe e as demandas de solucións para que as persoas que aínda non foron chamadas para a arbitraxe poidan recuperar os seus aforros.