A Deputación aproba investimentos nos concellos de Poio e A Lama

Poio
11 de xullo 2021

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar novos investimentos ao abeiro da Liña 1 do Plan Concellos 2021

Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra
Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra / Deputación de Pontevedra

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar un novo investimento de 170.243 euros ao abeiro da Liña 1 do Plan Concellos 2021, que beneficiarán ao Concello de Poio.

O goberno local destinará estes cartos as obras de recuperación de entornos tradicionais da Primeira Travesía da Seara.

Serán traballos de mellora de mobilidade e da seguranza viaria dos espazos públicos, eliminando as barreiras arquitectónicas e de accesibilidade existentes, coa habilitación dunha plataforma única de circulación con prioridade de paso para os peóns. 

A LAMA

A Deputación de Pontevedra tamén aprobou outro investimento de 78.601 euros ao abeiro da Liña 1 do Plan Concellos 2021 para o Concello da Lama que destinará estes cartos ás obras de reposición con pavimento de formigón nas beirarrúas municipais da rúa Emigrante e a praza Alameda. 

En concreto, na rúa Emigrante renovarase o pavimento da beirarrúa da marxe dereita, que na actualidade se atopa en mal estado. Na praza Alameda pavimentarase unha zona que se encontra nunha cota inferior ao resto da contorna, a fin de mellorar a seguridade dos viandantes.