A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de dar luz verde a dez novas achegas da Liña 3 de Emprego do Plan Concellos 2023 por importe de 2 millóns de euros, que beneficiarán aos concellos de Fornelos, Lalín, Poio, Vilagarcía, Redondela, Silleda, Campo Lameiro, O Porriño, Arbo e A Estrada e que permitirán contratar a un total de 176 persoas.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva deu conta destes novos recursos que permitirán aos concellos "desenvolver actividades fundamentais" con persoal para os servizos municipais de limpeza, coidado de xardíns ou obras públicas, aínda que tamén se buscan outros perfís como guías turísticas, economistas, historiadores de Arte ou auxiliares de enfermería.
Ademáis, da liña 1 do Plan Concellos, destinada a investimentos, aprobáronse achegas por case medio millón de euros para Ponteareas e Redondela.
COMERCIO DE PROXIMIDADE
Carmela Silva tamén informou que a Deputación de Pontevedra continúa coa implantación dos programas financiados con Fondos Next Generation "Da túa man", de apoio a mercados, zonas urbanas comerciais, comercio non sedentario e canles curtas de comercialización, e "Commerce Inside", de fortalecemento da actividade comercial en zonas turísticas.
A Xunta de Goberno vén de aprobar a adxudicación dos contratos para subministrar aos concellos participantes medio millón de bolsas reciclables e illas ecolóxicas cunha inversión total de 775.610 euros.
As bolsas repartiranse entre Baiona, Bueu, Tui, Soutomaior, Caldas de Reis, Nigrán, Sanxenxo, Cambados, O Grove, A Cañiza, Gondomar, Moaña, O Rosal, Silleda, Salceda de Caselas, Tomiño, Poio e Ribadumia.
No que respecta ás illas ecolóxicas, estarán formadas por catro colectores e se instalarán en Bueu, Tui, Caldas de Reis, Nigrán, Sanxenxo, Cambados, O Grove, A Cañiza, Gondomar, Moaña, Ponte Caldelas, O Rosal, Silleda, Salceda de Caselas, Poio e Meaño.
BIOMASA
A Xunta de Goberno Provincial tamén aprobou a adxudicación das obras de renovación das instalacións para o uso térmico de biomasa en Cangas, A Cañiza, Portas, Redondela, Tomiño e Vilaboa. Cun orzamento total de 454.500 euros, subvencionado ao 80% polo Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía de España (IDAE), unha entidade pública empresarial, adscrita ao Ministerio para a Transición Ecolóxica.
COHESIÓN SOCIAL
Por último, Carmela Silva informou que a Deputación incrementa este ano o orzamento para asociacións e colectivos que axudan ás familias máis vulnerables. Destinan 380.000 euros en subvencións nominativas dirixidas a 23 entidades da provincia que desenvolven actividades no eido social.