A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou que a Xunta de Goberno da institución provincial vén de aprobar a concesión de 1.229.083,59 euros, no marco do Plan Concellos 2017, destinados a nove concellos, entre eles Campo Lameiro, Meis, Ponte Caldelas, Sanxenxo e Vilanova de Arousa.
Con esta achega, e coas aprobadas as semanas pasadas, a institución provincial leva xa investidos 3.821.269,23 euros que están a permitir que 29 concellos da provincia poidan contratar a 502 persoas para manter e garantir os servizos municipais.
Nunha comparecencia de prensa, Carmela Silva manifestou a necesidade de que as administracións "sigamos impulsando medidas para loitar contra o desemprego".
A presidenta provincial insistiu que a Deputación "é a única administración que pon á súa disposición recursos que permiten contratar a persoal" garantindo así que poidan seguir prestando algúns servizos, "cubrindo ocos que está a provocar a lexislación aprobada polo goberno de Rajoy".
IGUALDADE
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra tamén aprobou este venres a segunda convocatoria das subvencións para concellos de menos de 20.000 habitantes que leven a cabo proxectos, programas e actividades para a consecución da igualdade efectiva entre mulleres e homes e a prevención da violencia de xénero na provincia.
A presidenta da institución provincial subliñou que "se trata da segunda convocatoria deste tipo de subvencións, o ano pasado puxemos en marcha a primeira, que eran inexistentes ata que se constituíu este novo goberno provincial, ao igual que era inexistente o servizo de igualdade".
Coa aprobación deste venres a Deputación achega 200.000 euros neste 2017, 50.000 máis que o pasado ano.
CASTELO DE SOUTOMAIOR
Na rolda de prensa a presidenta tamén anunciou que o vindeiro martes 14 de febreiro reabrirase ao público o Castelo de Soutomaior.
A Deputación tomou a decisión de pechar este histórico edificio polos danos rexistrados nos últimos días polo temporal.