A Deputación apoia un centro de investigación da Xunta no Pazo de Lourizán pero "de Ence, non"

Pontevedra
13 de febreiro 2017

A Deputación de Pontevedra asegurou estar disposta a apoiar á Xunta de Galicia na creación dun centro de investigación no Pazo de Lourizán pero deixando claro que non permitirá que este histórico inmoble da súa propiedade sexa cedido á empresa Ence  

Protestas na Deputación para rexeitar que Ence ocupe o Pazo de Lourizán / Mónica Patxot

A Deputación de Pontevedra asegurou estar disposta a apoiar á Xunta de Galicia na creación dun centro de investigación no Pazo de Lourizán pero deixando claro que non permitirá que este histórico inmoble da súa propiedade sexa cedido á empresa Ence.

Durante unha hora e media reuníronse este luns na sede provincial o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato; e o delegado da Xunta en Pontevedra, Xosé Manuel Cortés Tourís, coa presidenta da Deputación, Carmela Silva; o vicepresidente provincial, César Mosquera e o deputado Carlos López Font.

Coincidindo con este encontro, ás portas da Deputación, concentráronse un centenar de persoas pertencentes a colectivos como a Asociación pola Defensa da Ría, Marea Pontevedra, Vaipolorío, Pedaladas, así como traballadores da Xunta en Lourizán, para manifestar o seu rexeitamento a que Ence se faga coa emblemática residencia de verán de Montero Ríos.

Foi un encontro "normal e mesmo cordial", segundo coincidiron en valorar Carmela Silva e Alfonso Rueda, "demostrando que as administracións podemos falar con normalidade transcendendo as persoas e os personalismos", destacou o vicepresidente da Xunta.

Despois de varias semanas de declaracións cruzadas nos medios de comunicación Silva e Rueda agradeceron o "bo ton institucional" e, no caso do vicepresidente, tamén se felicitou porque "se falou con claridade, o cal eu creo que é bo".

Os membros do executivo galego acudiron ao Pazo provincial "para transmitir unha formulación que se nos facía a nós", é dicir como explicou o propio Rueda, para trasladar a proposta da empresa Ence de restaurar o Pazo de Lourizán, que xestiona a Xunta. "Un proxecto moi bonito", dixo Rueda.

"Unha proposta que nós fixemos inicialmente", tras a firma do pacto ambiental en xuño do ano pasado entre Xunta e a compañía pasteira, dentro do cal Ence acordou facer un investimento de 10 millóns de euros, cinco na rehabilitación do pazo e cinco en proxectos de investigación, "para converter a Pontevedra nun centro de referencia a nivel nacional no I+D+i no ámbito forestal".

A "sorpresa" para a delegación da Xunta foi que "ao final si que había impedimentos" para poder sacar adiante a proposta da multinacional.

Rueda precisou respecto deses "impedimentos" que a Deputación "non estaría disposta a dar algún tipo de autorización" ou que "non hai garantía" de que o goberno provincial vaia a permitir que Ence faga en Lourizán o seu centro de I+D,  polo que o vicepresidente concluíu que "a día de hoxe e salvo que houbese un cambio de postura, parece difícil que se poida autorizar esta actuación que se quería facer dentro do Pazo de Lourizán".

Pola súa banda, Carmela Silva insistiu en que o centro de investigación que se lles presentou este luns "non ten nada que ver coa Xunta".

"A nosa posición de colaboración coa Xunta no que se refire a todos os proxectos de investigación, absolutamente toda, pero deixando claro desde o primeiro momento que a Deputación non vai avaliar ningún proxecto de Ence", sentenciou Carmela Silva.

A leira e o Pazo de Lourizán leva cedida desde 1943, primeiro ao Estado e desde 1991 á Xunta nun convenio que se renovou por última vez no ano 2000. O convenio é prorrogable de forma automática por dez anos se ningunha das dúas administracións denúnciao cun ano de antelación. "Nós non temos previsto denunciar este convenio", precisou a presidenta. 

Carmela Silva lembrou que neste convenio figura entre as obrigacións da Conselleria de Medio Ambiente "desenvolver na leira un proxecto ambiental que inclúa a investigación da xestión sustentable do monte" e tamén "efectuar obras de conservación necesarias na zona nobre".

"Estamos encantados en colaborar ao cento por cento coa Xunta de Galicia para desenvolver ese proxecto ambiental que di o convenio, pero coa Xunta non con Ence, que é a proposta que se nos trouxo", afirmou a presidenta provincial.

César Mosquera sinalou que a proposta presentada este luns "é unha especie de patrocinio, a cambio de deixarlle poñer a publicidade na camiseta", cuestionando o interese de Ence nun centro de investigación. O vicepresidente provincial cre que realmente a proposta pretende "dunha maneira indirecta que a Deputación avale ese pacto ambiental que nós estimamos que son a migallas a cambio de regalarlle o gordo que é a concesión para que se nos quede Ence aquí por 60 anos. Iso non o imos a deixar pasar".

Por tanto "a Deputación colaboraría coa Xunta de Galicia para que se poida desenvolver este proxecto pero, en ningún caso, a Deputación está disposta a colaborar con Ence".

Alfonso Rueda repetiu durante a súa comparecencia de prensa que "eu non abandono completamente as esperanzas" aínda que admite que a situación é "difícil" pero expresou a súa convicción de que este "bo ton institucional estou seguro que será o preámbulo da reunión que vai manter o presidenta da Deputación co presidente da Xunta" que terá lugar o próximo día 27 de febreiro en Santiago e "alí falarase de todo o que teña que ver nas relacións da Xunta e a Deputación".

"Para a reunión se poden variar as cousas, eu espero que si. Alegrariámonos moitísimo", engadiu Rueda.

PENDENTES DA ENTREVISTA CON FEIJÓO

Na axenda da reunión con Núñez Feijóo, a presidenta da Deputación informou que se incluirá as transferencias de centros que están en mans da administración provincial pero que son competencia exclusiva da Xunta como o centro Príncipe Felipe, a leira de Mouriscade, a Estación fitopatolóxica do Areeiro, ou a escola de Enfermería "e tamén podemos falar doutras transferencias", admitiu Carmela Silva. 

Aínda que non se apuntou durante a comparecencia de prensa, tamén cabe a posibilidade de que a Xunta solicite a transferencia do propio Pazo de Lourizán, o que daría unha nova volta a esta situación.