A Deputación anuncia a inmediata licitación da restauración das ruínas de San Domingos

Pontevedra
18 de setembro 2014

Suporán un investimento de 182.000 euros e permitirán consolidar o edificio e garantir a seguridade no mesmo. A Administración Provincial traballa tamén no proxecto de rehabilitación dos edificios García Flórez e Castro Monteagudo

Claustro do Edificio Sarmiento
Claustro do Edificio Sarmiento / Mónica Patxot

O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, anunciou este xoves a urxente licitación das obras de restauración das Ruínas de San Domingos, co obxectivo de consolidar o edificio e garantir a seguridade para que poida ser aberto aos veciños e visitantes canto antes.

Rafael Louzán fixo estas declaracións durante a visita realizada, xunto coa deputada responsable de Cultura, Ana Isabel Vázquez, ao claustro do Edificio Sarmiento, no que se realizaron diversos labores de acondicionamento co obxectivo de adecualo para o seu uso en actividades culturais ao aire libre.

Concretamente, creáronse pasarelas de madeira que comunican coa fonte e renovouse a herba artificial nas zonas verdes, de forma que se facilita o paseo polo claustro e se acondiciona para o descanso e o disfrute de cantos visitan o Museo. 

Así mesmo, construíuse unha plataforma desmontable que se situará na fonte do claustro única e exclusivamente cando se realicen nel actividades que requiran dun pequeno escenario co obxectivo de sacarlle o máximo proveito a este espazo.

Unha vez realizados estes traballos, Louzán confirmou o xa adiantado por Ana Isabel Vázquez: a próxima licitación das obras de restauración das Ruínas de San Domingos, nas que se investirán máis de 182.000 euros.

A Administración Provincial xa conseguiu as preceptivas autorizacións de Patrimonio.

Pero "non nos vamos quedar aí", recalcou Louzán, senón que "estase elaborando xa o proxecto de rehabilitación dos edificios máis antigos do Museo que teñen problemas serios en instalación eléctrica, fontanería, pisos...con motivo da súa antigüidade" e que van ser tamén obxecto de rehabilitación.

Así, a finais deste ano ou comezos do próximo está previsto licitar os traballos nos edificios Castro Monteagudo e García Flórez, para os que "xa hai dotación económica nos orzamentos de 2014", e, máis adiante, na parte antiga do Fernández López.

RESTAURANTE MILIARIUM

Louzán referiuse ademais, ao restaurante que se abrirá no Edificio Sarmiento para a xestión do cal se presentaron dúas empresas de gran prestixio no mundo da hostalería, como é O Eirado de Leña e Pepe Vieira.

Nestes momentos estase traballando na valoración das ofertas e, segundo indicou Louzán, a final deste mes ou comezos do próximo poderíanse abrir as propostas definitivas, proceder á licitación do equipamento que porá a Deputación para "de cara a final de ano ou comezos de 2015 ter dispoñible este espazo" como "un complemento da oferta museística e como un servizo máis aos visitantes".