A Deputación acusa a Rueda de "boicotear" a xuntanza sobre o Pazo de Lourizán

Pontevedra
19 de xaneiro 2017

O voceiro do goberno, Carlos López Font, lembra que desde outono a postura da institución provincial sobre o Pazo segue sendo a mesma

Os conselleiros Rueda e Conde anunciaron a inversión de ENCE na recuperación do Pazo de Lourizán
Os conselleiros Rueda e Conde anunciaron a inversión de ENCE na recuperación do Pazo de Lourizán

O voceiro do goberno da DeputacIón, Carlos López Font, asegurou que o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, "volve a mentir na súa tónica habitual" cando di que a institución provincial mudou a súa postura sobre o Pazo de Lourizán.

Font asegura que o posicionamento sobre Lourizán, segue sendo o mesmo que no pasado outono xa expresou a presidenta, Carmela Silva, cando se coñeceu a noticia do pacto entre a Xunta e a empresa Ence sobre o Pazo, posición que ratificou o vicepresidente en días pasados.

Para o voceiro do goberno, "Alfonso Rueda está inmerso nunha espiral de falsidades sobre a institución provincial", e insiste en que "a nosa postura segue a ser a mesma. A Xunta ten a obriga do mantemento do Pazo de Lourizán polo convenio que ten coa Deputación de Pontevedra e se quere facer algunha cousa nel deberá comunicalo a o seu propietario, pero dende a Deputación non temos nada que pactar con terceiros e menos cunha empresa privada".

Igualmente, Carlos Font se mostrou contrariado de que o vicepresidente da Xunta faga comentarios nos medios de comunicación para manter unha xuntanza coa Deputación, cando ten dúas cartas da presidenta do pasado mes de outubro sen contestar.

"A relación institucional de Rueda coa Deputación a ten o través dos medios de comunicación nunha falla absoluta do máis mínimo respecto entre institucións. E, ademais, segue mentindo, cando seguemos esperando a que conteste e fixe unha data dunha vez", afirma o deputado.

O voceiro do goberno provincial considera lamentable que o vicepresidente da Xunta insista nos medios de comunicación nunha xuntanza "que el mesmo está a boicotear".