A Deputación activa un plan con 20 millóns de euros destinado aos concellos de menos de 50.000 habitantes

Pontevedra
21 de maio 2021

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva e o vicepresidente César Mosquera, deron conta este venres en rolda de prensa das bases do Plan "ReacPon", Reacción Pontevedra Provincia, destinado ao concellos de menos de 50.000 habitantes e cun orzamento de 20 millóns de euros

Carmela Silva e César Mosquera
Carmela Silva e César Mosquera / Mónica Patxot

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva e o vicepresidente César Mosquera, deron conta este venres en rolda de prensa das bases do Plan "ReacPon", Reacción Pontevedra Provincia, destinado ao concellos de menos de 50.000 habitantes e cun orzamento de 20 millóns de euros. 

Esta iniciativa está inmersa no plan de investimento público más ambicioso da historia da institución, cun orzamento de 47,2 millóns, destinado a impulsar a economía da provincia co obxectivo de xerar actividade e crear ou manter o emprego. Esta potente inxección de recursos súmase aos 168 millóns do orzamento para o 2021 e vai dirixida á transformación do territorio para paliar as consecuencias da covid-19. 

Esta parte do "ReacPon" centrada nos concellos, farase "como sempre" por concorrencia competitiva, "con bases e criterios obxectivos", e estará aberta a "proxectos maduros", que contribúan á consecución dos obxectivos fixados na Axenda 2030 e nos fondos europeos xon tres tipos de actuacións: rehabilitación, nova construcción e espazos públicos. 

Carmela Silva destacou que "os proxectos van recibir puntos de maneira transparente e equitativa total". Os criterios que se van valorar son: a madurez do proxecto (30 puntos), primarase que os trámites estean feitos, a contribución a economía descarbonizada (30 puntos), a calidade do proxecto (30 puntos) e a contribución a acadar os 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030 (10 puntos).

A presidenta explicou que a Deputación financiará ata o 90% do Plan Concellos, cun mínimo dun terzo desta cantidade e que a a aportación municipal será menor canto máis pequeno sexa o concello, dándose prioridade á rehabilitación do xa existente e á mellora sostible de espazos públicos.

Os investimentos centraranse na rehabilitación de edificios e instalacións municipais para uso social, cultural, turístico e de lecer, de infancia e mocidade, de atención a vítimas de violencia de xénero, de interese patrimonial e os destinados a uso institucional e administrativo. E tamén á posta en valor de recursos xa existentes cos criterios de innovación, sustentabilidade ou enerxías alternativas, entre outros.

Tamén hai investimentos para a construción de novos equipamentos e dotacións, edificios ou instalacións sostibles e intelixentes, ademais de novas actuacións sustentables para asegurar os servizos que impulsen a cohesión territorial. Segundo sinalou a presidenta, con este tipo de actuacións "buscamos mellorar a conectividade, a dixitalización e a accesibilidade fomentando a igualdade de oportunidades entre rural e urbano".

E finalmente, o terceiro tipo, contempla achegas para a recuperación, mellora, urbanización ou reurbanización de espazos públicos "para darlles un uso plural, amable, e de fomentar a estancia e as mobilidades alternativas", sempre cumprindo os parámetros da Rede Ágora.

César Mosquera incidiu en que cando o Goberno provincial fala de "proxectos maduros" refírese a que "unha administración debe ter previsión e ir madurando o que ten que facer" de xeito que "os concellos con proxectos aos que o Plan Concellos non lles abonda terán aquí unha oportunidade". Ademáis avanzou que "se nunha primeira convocatoria non o completamos farase outra".

Ademáis o vicepresidente destacou que "os criterios deste plan están moi claros, fixemos un esforzo elevado".