A Deputación abrirá novas vías de negocio para o sector turístico en Cataluña

Pontevedra
16 de novembro 2018

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, anunciou este venres a realización dun workshop entre 25 empresas do sector turístico da provincia de Pontevedra e firmas catalás que se celebrará o próximo día 27 en Barcelona

Estatua de Colón
Estatua de Colón / Juan Mejuto

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, anunciou este venres a realización dun "workshop" entre 25 empresas do sector turístico da provincia de Pontevedra e firmas catalás que se celebrará o próximo día 27 en Barcelona.

Esta iniciativa xurdiu como demanda do propio sector turístico durante unha mesa de traballo e tamén forma parte das liñas do Plan Estratéxico de Turismo 2017-2020.

"Xa temos pechadas 85 citas con empresas catalás para establecer esas vías de colaboración coa nosa delegación", anunciou Silva.

Entre as empresas da provincia que participan podemos atopar hoteis, bodegas, casas de turismo rural, axencias de viaxe, empresas de produtos turísticos e servizos auxiliares e emprendedores. As inscricións para participar neste acto, no que tamén colabora o Clúster de Turismo de Galicia, tiveron que pecharse aos tres días da súa apertura pola alta demanda por parte do sector turístico pontevedrés.

MÁIS DISTINTIVOS DE CALIDADE

Ao longo deste ano 2018, un total de 82 novas entidades turísticas da provincia se adheriron ao Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destinos (SICTED), co que acreditan o seu compromiso pola mellora continua dos seus servizos e establecementos. En breve, poderán optar á obtención do distintivo SICTED, algo que na provincia xa teñen a día de hoxe un total de 225 empresas e entidades turísticas que o obtiveron nos dous últimos anos.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, celebrou que "somos a provincia española con máis distintivos SICTED", o que significa que o sector "ten un alto compromiso coa calidade turística" recoñeceu.

A Deputación, en Xunta de Goberno, vén de aprobar o expediente de contratación para a adxudicación, mediante procedemento aberto, do servizo de implantación e desenvolvemento integral de calidade turística en destinos (SICTED).

RUTA DOS FENICIOS

Ademais, o Pazo Provincial vai acoller os próximos días 22 e 23 de novembro a asemblea estatal da Ruta dos Fenicios, tamén denominada Ruta das Kassitérides.

O xoves levarase a cabo unha reunión pechada dos socios e xa o venres terá lugar un encontro aberto ao público, no que haberá conferencias e mesas redondas sobre a ruta, sobre o programa de itinerarios culturais europeos do Consello de Europa e sobre a propia Ruta dos Fenicios, a dos Íberos, o Camino de Anibal e a Ruta das Kassitérides.