A Deputación abre o proceso de selección do persoal que redactará o programa Tropos

Pontevedra
11 de novembro 2020

O obxectivo desta iniciativa é, segundo o vicepresidente da  Deputación, César Mosquera, mellorar os procesos selectivos das administracións locais  

César Mosquera, vicepresidente da Deputación de Pontevedra
César Mosquera, vicepresidente da Deputación de Pontevedra / Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra ten aberto o proceso de selección de persoal para o programa Tropos, unha iniciativa que pretende revolucionar os sistemas de selección e de oposicións nas adminsitraciones locais para conseguir que as persoas que consigan unha praza sexan, tanto na teoría como na práctica, as máis adecuadas para o posto.

O vicepresidente da institución e impulsor do programa, César Mosquera, explicou que o obxectivo fundamental do plan é aumentar a calidade dos servizos de atención á cidadanía, para o que é necesario contar con persoal ben formado e capacitado.

O prazo para presentar as solicitudes finaliza en dez días hábiles a contar desde este mércores, 11 de novembro ata o 24 de novembro. As bases especifican que a Deputación busca contratar dúas persoas funcionarias no posto de técnico especialista en Recursos Humanos, integrado no grupo A1, que estarán adscritas funcionalmente ao Servizo de Recursos Humanos e Formación da Deputación de Pontevedra.

A súa función será a de funcionario interino especialista en procesos selectivos para desenvolver o programa Tropos. Ocuparanse de elaborar as guias e programas de formación para o funcionariado sobre as normas ou regras que se deben adoptar para mellorar os procesos selectivos en todas as súas fases, desde a redacción de bases e probas, así como recomendacións para os tribunais en canto á corrección das mesmas.

Para cubrir estas dúas prazas técnicas que se encargarán de "revolucionar" os procesos selectivos a través de Tropos, a institución provincial estableceu un sistema de oposición libre que xa incorpora algúns dos mecanismos deste programa.

O temario reduciuse a 25 temas, "concretos e definidos". Os exercicios para superar están deseñados para garantir que en calquera caso os aspirantes cunplen a condición mínima de ter un dominio suficiente de todos e cada un dos temas do programa e competencias do perfil. Por esta razón, no primeiro exercicio inclúense preguntas de todos os temas e penalízase o descoñecemento dun número significativo dos mesmos ou dalgunha das tres partes do programa.