As obras realizadas na depuradora dos Praceres para a mellora do seu funcionamento estarán rematadas no verán e poderán entrar en servizo en setembro. Así o anunciou este xoves a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, despois de participar nunha reunión cos representantes das confrarías de pescadores da ría de Pontevedra.
A reunión, á que tamén asistiu o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López Diéguez, fixo seguimento a esta actuación, que supuxo un investimento autonómico de 16,5 millóns de euros e do que a Xunta destaca que "suporá un importante avance" no saneamento da ría de Pontevedra, contribuíndo á mellora substancial da calidade das augas da ría.
Teresa Gutiérrez destacou que a Xunta continúa traballando no obxectivo da ampliación desta planta e xa está avanzando na tramitación ambiental do proxecto.
Ademais, a reunión detívose na intervención relativa ao novo emisario submarino, cuxos cambios na tecnoloxía permitirán minimizar o dragado. Segundo indicou a Xunta a través dun comunicado, Augas de Galicia xa dispón da autorización da ocupación do dominio público marítimo terrestre, tanto a definitiva como a temporal, necesarias para o progreso desta intervención.
As obras do novo emisario submarino, que supón un investimento de 12 millóns de euros, xa comezaron e están fabricándose nos talleres as grandes tubaxes necesarias.
O obxectivo é executar un novo emisario que separe os vertidos industriais dos residuais e que teña as dimensións axeitadas, tanto para as necesidades actuais como para as futuras.
O proxecto consta de dúas partes diferenciadas, unha terrestre, de construción dunha cámara de carga e unha estación de bombeo, e do emisario, de máis de 3,5 quilómetros de lonxitude.