O anuncio da Comisión de que denunciará a España ante os tribunais por non garantir que as augas residuais urbanas sexan tratadas na Ría de Pontevedra chegará ao Parlamento de Galicia. A portavoz de Medio Ambiente do grupo socialista, Patricia Vilán, presentou unha batería de iniciativas parlamentarias e reclámalle ao goberno galego o saneamento integral da Ría antes de que remate 2015.
Vilán sinala que esta nova denuncia continúa coas sancións xa recibidas por España polos incumprimentos nas rías galegas nos anos 2011 e 2013, logo de que o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoó, paralizara tódalas depuradoras planificadas polo goberno socialista.
Esta xestión, segundo a socialista pontevedresa, ven provocar de novo a ameaza dunha sanción por non garantir que as augas residuais urbanas sexan tratadas correctamente e polo risco que supón para a saúde pública.
Entre as zonas afectadas pola advertencia da Comisión Europea inclúese a ría de Pontevedra, e en concreto o eixo Pontevedra Marín Poio Bueu, por canto ós informes recibidos pola Comisión indican que "segue a faltar un sistema de tratamento axeitado nesas aglomeracións".
Os socialistas galegos reclaman que a Xunta complete o saneamento integral desta ría, "aportando inmediatas solucións para a depuración dos concellos que verten á mesma, ante o anuncio de que a Comisión Europea vai denunciar a España".