A demolición do antigo Mercado de Cantodarea, á espera do soterramento da infraestrutura eléctrica

Marín
01 de decembro 2022

Unión Fenosa iniciou os traballos para retirar a liña de media tensión cunha renovación de toda a infraestrutura e o cableado existente entre o Porto e a conexión co transformador que se sitúa no inmoble do antigo Mercado de Catodarea, edificio que o goberno local agarda derrubar no primeiro trimestre de 2023

Traballos de Unión Fenosa para soterrar a liña de media tensión no antigo Mercado de Cantodarea
Traballos de Unión Fenosa para soterrar a liña de media tensión no antigo Mercado de Cantodarea / Concello de Marín

A situación que ofrecía a instalación de cables de electricidade e telefonía, coa presenza dunha liña de media tensión, obrigou a atrasar a demolición do Mercado de Cantodarea. 

Foi necesaria, segundo informa o goberno local de Marín, xestionar con Unión Fenosa a retirada e o soterramento desta liña de media tensión. Pero, ademais, acordaron abordar o proxecto de maneira máis ampla coa renovación de toda a infraestrutura eléctrica e o cableado existente entre o Porto de Marín e a conexión co transformador, que se sitúa no mesmo edificio do antigo mercado.

Os traballos están a realizarse pola compañía eléctrica e, unha vez finalizados, procederíase á demolición do edificio. A previsión do goberno municipal é que se poida executar no primeiro trimestre de 2023, unha actuación moi demandada polos residentes da zona desde hai anos.

Segundo as mesmas fontes, o antigo Mercado de Cantodarea, do ano 1964, supón un exemplo de feísmo ao ser unha construción medio derruida. Coa súa desaparición, o goberno de María Ramallo, espera mellorar a imaxe xeral de todo este espazo.

A estrutura do inmoble atópase formada por muros de formigón e piares, con vigas de gran canto e lousas. Unha vez demolida acometerase a urbanización da parcela, segundo consta no proxecto da obra.